Nova: A Xunta colabora con Ponte...nas ondas! Na celebración dun congreso internacional arredor do patrimonio con máis dunha trintena de profesionais
24/10/2023
A Xunta colabora con Ponte...nas ondas! Na celebración dun congreso internacional arredor do patrimonio con máis dunha trintena de profesionais
A directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, participa na presentación desta cita que terá lugar do 16 ao 18 de novembro en Ourense e Portugal
Ourense, 24 de outubro de 2023
A directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, participou hoxe na presentación do 6º Congreso internacional Patrimonio inmaterial e educación. Ponte entre escola e sociedade, unha cita organizada pola asociación cultural e pedagóxica Ponte... nas Ondas! coa colaboración da Xunta de Galicia coincidindo co 20 aniversario da convención de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial da Unesco.
No acto, a representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades celebrou a oportunidade que supón a celebración deste congreso que terá lugar do 16 ao 18 de novembro en Ourense e Portugal. “Durante estes días máis dunha trintena de profesionais reflexionarán sobre o patrimonio cultural, así como arredor da importancia que ten a educación para a concienciación das novas xeracións”, engadiu.
Mª del Carmen Martínez aproveitou tamén para felicitar á asociación Ponte... nas Ondas! polo recente Premio da Cultura Galega no eido da Lingua polo seu traballo promovendo o intercambio lingüístico entre centros educativos da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, unha tarefa que tamén foi recoñecida pola Unesco.
Programa do encontro
A xornada inaugural deste congreso terá lugar o día 16 de novembro, data na que se conmemora o Día Internacional do Patrimonio, e arrancará coa conferencia de apertura a cargo de Aniceto Delgado, do Instituto Patrimonio Histórico Andalucía España, e David Felismino, do Incomos en Portugal.
A axenda continuará ata o 18 de novembro con mesas redondas, reunións de traballo, conferencias, mesas de reflexión e intercambio, visitas, actuacións musicais e rutas. Ademais, o programa tamén inclúe a entrega de premios do 6º concurso As imaxes do patrimonio, no que participa alumnado de Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional de Galicia e Portugal.