Nova: O Museo do Mar repasa a sociedade viguesa do século XX a través das fotografías de Mary Quintero

26/10/2023

O Museo do Mar repasa a sociedade viguesa do século XX a través das fotografías de Mary Quintero

O director xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, inaugura a mostra ‘A imaxinación no interior dun estudo’

A Consellería de Cultura custodia no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra a obra desta profesional

Vigo, 26 de outubro de 2023

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo inaugurou hoxe a exposición A imaxinación no interior dun estudo da fotógrafa Mary Quintero no Museo do Mar de Galicia en Vigo. A mostra ofrece “un repaso da sociedade viguesa do século XX, entre os anos 1947 e 2001, o que lle outorga un carácter de estudo sociolóxico”, anotou o representante da Consellería de Cultura. No acto tamén estivo presente a propia autora das imaxes, a directora do Museo do Mar, Marta Lucio, e a comisaria da exposición, Carmen L. Corgo.

Esta colección, que pertence ao fondo de Mary Quintero do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, conta con 50 fotografías e negativos asociados, así como con fotos e planos sobre o edificio pontevedrés do arquivo e da xestión documental que realiza nos seus fondos.

Durante a inauguración de A imaxinación no interior dun estudo, que poderá visitarse ata o 19 de xaneiro de 2024, Anxo M. Lorenzo destacou o labor desta profesional galega no seu achegamento “á sociedade viguesa que con tanto acerto fotografou, encontrando o seu nicho profesional no retrato retocado e coloreado dunha clientela conformada por, principalmente, familias urbanas, mediante o dominio do tratamento dos positivados a través dun procedemento ideado por ela, obtendo fotografías de excelente técnica”.

Vocación pola fotografía

Mary Quintero (Melide, 1931) é unha das profesionais máis relevantes da fotografía de estudo e a máis prestixiosa retratista galega da época. Comezou o seu camiño no mundo da fotografía nos estudos que rexentaron os seus pais en Melide e Lugo, onde descubriu a súa vocación polo oficio.

Xubilada desde o ano 2002, a fotógrafa de Melide foi evolucionando a medida que así o esixían os cambios na moda e nos gustos do segmento da sociedade para a que traballaba. Coa chegada da cor ás imaxes, mantívose fiel ás súas habilidades técnicas, dominio da composición e do retoque, xogando ca cor en retratos de nenos e mozos, sen descartar retratos de grupos musicais, compañías de teatro, de danza, portadas de libros e ata persoeiros da vida social, económica e política.

 

Comparte