Nova: A nova aceleradora de artes escénicas da Xunta impulsa nove proxectos de dixitalización, proxección exterior e mellora empresarial

27/10/2023

A nova aceleradora de artes escénicas da Xunta impulsa nove proxectos de dixitalización, proxección exterior e mellora empresarial

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publica a adxudicación destas axudas, a través das que inviste máis de 280.000 euros en programas para favorecer as habilidades emprendedoras e financeiras neste ámbito cultural

Apóianse as propostas de A Casa Vella, Sala Ártika, Ainé, Sarabela Teatro, O Sol de Outono, Kirenia Danza, Sabela Mendoza, Pistacatro e Magic Reality Lab

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2023

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta, Jacobo Sutil, mantivo unha xuntanza coas nove entidades beneficiarias da nova convocatoria de axudas para a aceleración cultural no ámbito das artes escénicas, no transcurso da que se afondou no inmediato desenvolvemento deste proceso de impulso ás súas habilidades emprendedoras e financeiras no marco das industrias culturais.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades acaba de facer pública a resolución de adxudicación destas subvencións, a través das que distribúe máis de 280.000 euros entre diferentes propostas no ámbito do teatro, a danza, o novo circo e a maxia, encamiñadas a mellorar a súa xestión en apartados como o da dixitalización, a internacionalización, a profesionalización empresarial ou a diversificación financeira, entre outras.

En concreto, estas entidades contarán con contías que van desde os 10.600 aos 42.000 euros para o seu investimento en catro apartados diferenciados: acompañamento ás empresas, formación, mediación, incubación ou mentoría en materia de comunicación, márketing, internacionalización ou financiamento; participación en xornadas, talleres e seminarios; apertura de novas liñas de negocio e/ou novos mercados, e transformación dixital.

Espazos escénicos

Entre os proxectos beneficiarios atópanse os presentados polos espazos A Casa Vella, en Allariz, que buscará ampliar os seus usos ademais de traballar na apertura e consolidación de diferentes vías de financiamento, e Sala Ártika de Vigo, para poñer en marcha novas ferramentas de márketing dixital e captación de públicos.

Tamén se apoian iniciativas das produtoras teatrais Ainé, para o desenvolvemento dun software de xestión integral das súas producións propias; Sarabela Teatro, para a creación de contidos dixitais complementarios aos espectáculos, e a nova compañía O Sol de Outono, para a mellora da dixitalización e a apertura de novos mercados e liñas de negocio.

A danza conta tamén con representación nesta aceleradora a través de Kirenia Danza, que presenta un plan estratéxico cara á súa transformación empresarial, a internacionalización a diferentes países de Europa e Latinoamérica ou a súa formación especializada, e de Sabela Mendoza, coordinadora da plataforma de danza performativa De Corpos Presentes, para a súa apertura a diferentes países de Europa e Asia, así como para a transformación dixital e mellora da xestión empresarial.

Pistacatro, recente Premio da Cultura Galega en artes escénicas, tamén forma parte desta listaxe cun programa de apoio á profesionalización do sector circense, mentres que Ilusions Work resultou adxudicataria co proxecto Magic Reality Lab, centrado na aplicación das novas tecnoloxías nos espectáculos de maxia.

A Axencia Galega das Industrias Culturais xestiona este novo programa con financiamento dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Entronca, neste sentido, coa aceleradora musical Sonemerxente, que a Xunta está a desenvolver coa Fundación Paideia como entidade colaboradora e que se atopa a piques de iniciar a súa segunda edición.

Ao tempo, as subvencións á aceleración nas artes escénicas insírense no programa anual de axudas ao sector que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades convoca a través do seu departamento de Industrias Culturais. Neste caso, a finalidade é apoiar a creación de novos espectáculos, a súa distribución dentro e fóra de Galicia, a organización de festivais e a programación de salas privadas, a través de cadansúa liña de subvencións cun investimento conxunto próximo aos 1,45 millóns de euros.

 

Comparte