Nova: O servizo da Furgoteca chegou xa a preto de 4.500 persoas do rural de Ourense

27/10/2023

O servizo da Furgoteca chegou xa a preto de 4.500 persoas do rural de Ourense

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, avalía o servizo da biblioteca móbil na provincia desde a súa posta en marcha, con 3.200 préstamos

Ademais de ofrecer libros, películas, música, xogos e publicacións periódicas, tamén expediu máis de 400 carnés de usuario nos primeiros meses

Ourense, 27 de outubro de 2023

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, reuniuse hoxe cos alcaldes dos concellos da provincia de Ourense que están incluídos no novo servizo de bibliotecas móbiles da Xunta de Galicia, A furgoteca, para avaliar a súa actividade dende o pasado mes de marzo percorrendo o territorio. Preto de 4.500 persoas fixeron uso deste servizo, os que recolleron 3.200 libros.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade puxo en valor o funcionamento deste servizo, que se encadra nos obxectivos da nova Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, “actualmente en tramitación parlamentaria para garantir o acceso á cultura a todos os galegos sexa cal sexa a súa situación e o territorio onde viven”. Con estas bibliotecas móbiles, o Goberno autonómico achega o  servizo a aqueles concellos nos que non existe un centro bibliotecario, “dando resposta ás necesidades da poboación para que vivan en igualdade de condicións”, engadiu Anxo M. Lorenzo.

Ademais, a iniciativa vén acompañada dunha intensa actividade cultural. Aos concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, Oímbra, Trasmiras e Vilardevós chegaron un cento de propostas culturais que sumaron máis de 2.000 participantes. Máis aló de ofrecer libros, películas, música, xogos e publicacións periódicas, A furgoteca tamén tramitou máis de 400 altas no carné e ofreceu aos usuarios conexión a internet, equipos informáticos portátiles e impresora.

Plan Xeración Cultura

Con esta medida, a Xunta dá resposta aos obxectivos do Plan Xeración Cultura, a folla de ruta dotada con 34M€ para acompañar a expansión do sector cultural a través dunha batería de medidas para a innovación, modernización, dixitalización e acceso universal á cultura.

Ademais, o Goberno galego continúa a reforzar o sistema bibliotecario galego que, segundo o II Mapa de Bibliotecas Públicas, está composto por 295 servizos bibliotecarios, nos que se albergan 6,6 millóns de exemplares, 17.000 postos de lectura e máis de 4.100 postos informatizados.

 

Comparte