Nova: A Xunta publica o catálogo da mostra ‘In Intinere’ no que o fotógrafo Javier Iglesias mostra a pegada da Ruta Xacobea nos peregrinos
03/11/2023
A Xunta publica o catálogo da mostra ‘In Intinere’ no que o fotógrafo Javier Iglesias mostra a pegada da Ruta Xacobea nos peregrinos
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presenta a publicación no Museo das Peregrinacións e de Santiago
Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2023
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe no Museo das Peregrinacións e de Santiago o catálogo da exposición In Itinere para poñer en valor a pegada da Ruta Xacobea nos peregrinos. “Esta publicación busca enxalzar o Camiño de Santiago a través dos retratos de peregrinos que mostran o camiño interior que viven moitos deles”, destacou Anxo M. Lorenzo.
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publica este catálogo tras o remate da mostra In Itinere do fotógrafo Javier Iglesias, que estivo aberta ao público ata o pasado 29 de outubro no Museo das Peregrinacións e de Santiago. O obxectivo é deixar constancia deste traballo que recolle unha serie de retratos dos peregrinos, tanto no punto de partida do Camiño Francés, en Roncesvalles, como na súa meta, en Santiago de Compostela.
A intención do artista neste traballoé a de captar coa súa cámara as facianas dos peregrinos para amosar que, independentemente da motivación para realizar o Camiño de Santiago, as persoas viviron un percorrido persoal que as transforma á súa chegada. O representante da Consellería de Cultura aproveitou a ocasión para animar a aqueles que non puideron achegarse á exposición no Museo das Peregrinacións para que descubran estas fotografías no catálogo.