Nova: As xornadas ‘Olladas no pasado’ reflexionan sobre os 40 anos da Lei de normalización lingüística

03/11/2023

As xornadas ‘Olladas no pasado’ reflexionan sobre os 40 anos da Lei de normalización lingüística

O secretario xeral de Política Lingüística participa na apertura destes encontros organizados polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

Durante hoxe e mañá reunirán numerosos expertos na materia, que abordarán a contribución desta norma ao uso do galego desde diferentes perspectivas

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2023

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta tarde na apertura das xornadas Olladas no pasado 2023: 40 anos da Lei de Normalización Lingüística, organizadas polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Xunta de Galicia. Nesta segunda edición, os encontros afondarán na concepción e contribución desta norma nos diferentes ámbitos sociais en xeral, e no uso do galego en particular, durante as últimas catro décadas.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades sinalou que a Lei de normalización “estableceu o marco de convivencia lingüística polo que nos rexemos nos últimos 40 anos e que posibilitou avances de gran trascendencia no prestixio e nos usos do galego, tal e como teremos ocasión de ver con máis detalle ao longo destas xornadas”.

 

Canda Valentin García tamén participaron neste acto inaugural, que acolleu o compostelán Pazo de San Roque, sede do Centro Ramón Piñeiro, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e Manuel González González e Xosé Amancio Liñares, coordinador científico e responsable do Ámbito de Estudos en Historia Contemporánea do dito centro.

 

40 anos da Lei de Normalización Lingüística

A través de conferencias, coloquios e mesas redondas, numerosos expertos na materia tratarán de reflexionar sobre todo o que implica o 40º aniversario da promulgación da Lei 3/1983, do 15 de xullo, de normalización lingüística.

 

A primeira das conferencias, A Galicia do anos 1980, tivo lugar a continuación do acto inaugural e nela Daniel Lareo estableceu un marco temporal para situar o momento histórico en que se elaborou e entrou en vigor a norma.

 

As demais conferencias, repartidas entre dous días, versarán sobre temáticas relacionadas cos eidos da administración, a cargo de Henrique Monteagudo; das linguas minorizadas e dereitos lingüísticos, con Alba Nogueira; a empresa, da man de Xosé González Martínez; os medios de comunicación, con Henrique Sanfiz; o ensino, con Manuel Portas, e a toponimia, con Gonzalo Navaza.

 

Pola súa banda, as dúas mesas redondas abordarán cuestións relacionadas co pasado, no caso da titulada A xénese e concepción da Lei de normalización lingüística no Parlamento de Galicia, que contará coa participación dos exparlamentarios Xosé Luís Barreiro Rivas, Miguel Barros, Pilar García Negro e Víctor M. Vázquez Portomeñe, e co futuro, baixo o lema Lei de normalización lingüística: e agora, que?, na que participarán Elisa Fernández Rei, Pilar Ponte, Esther Estévez e Senén Barro.

 

As xornadas estenderanse durante toda a tarde de hoxe e o día completo de mañá, sábado 4, e estarán abertas a todas as persoas interesadas. Toda a información e o programa completo poden consultarse no Portal da Lingua Galega.

Comparte