Nova: A Xunta pon en valor as orquestras de verbena cunha exposición na Biblioteca de Galicia que repasa as súas orixes e evolución ata a actualidade

08/11/2023

A Xunta pon en valor as orquestras de verbena cunha exposición na Biblioteca de Galicia que repasa as súas orixes e evolución ata a actualidade

A mostra ‘Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia’ fai un percorrido pola historia das agrupacións a través de carteis, programas de festas, fotografías e discos

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destaca a importancia destas agrupacións “como un xeito de lecer moi arraigado na sociedade galega e tamén como un tecido económico que soubo adaptarse aos tempos ata hoxe en día”

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na Biblioteca de Galicia a exposición Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia, que fai un repaso a un tema con fonda pegada na sociedade galega, pero pouco analizado academicamente.

A mostra parte da catalogación de carteis que conserva a institución na Cidade da Cultura e está comisariada por Zósimo López e Henrique Neira, partícipes do único estudo con metodoloxía científica que se ten feito ata o de agora sobre o sector da verbena. Trátase da publicación da Universidade de Santiago titulada Do palco ao escenario, coordinado por Xaime Fandiño.

Ademais dos carteis de festas e promocionais das orquestras, a mostra tamén basea o seu relato nos programas das verbenas, fotografías e distintos soportes como discos, casetes ou CD. As pezas pertencen aos fondos da Biblioteca de Galicia e doutras institucións como a Biblioteca de Pontevedra (que conserva unha colección de 80 carteis de festas da posguerra dixitalizados en Galiciana).

O percorrido contempla desde as orixes destas agrupacións nas primeiras décadas do século XX a partir das bandas de música tradicionais, ata converterse en grandes espectáculos e mesmo chegando a reinventarse para captar á xuventude e adaptarse aos novos tempos.

Neste senso, o conselleiro de Cultura destacou durante o acto de inauguración a grande importancia que teñen as orquestras de verbena en Galicia “tanto como un xeito de lecer moi arraigado na sociedade, como un tecido económico-produtivo en constante desenvolvemento, que soubo ir evolucionando cos tempos para continuar sendo hoxe en día parte da nosa cultura, incluso para mocidade”. O responsable de Cultura tamén quixo facer fincapé no gran fito que supuxo “a aparición en 1958 do Depósito Legal, polo que se deben entregar copias do material impreso e editado para a súa conservación” e que permite “hoxe gozar desta colección de carteis e dos programas preservados pola Biblioteca de Galicia e outras institucións”.

Das bandas ás orquestras de verbena

As orquestras de verbena, con músicas bailables, nacen nos anos 20-30 formadas por compoñentes das bandas de música. Son grupos que nun principio non teñen nomes específicos e que actuaban nas cidades, en sesións de cine mudo, nos cafés, nos casinos, xeralmente na alta sociedade.

As súas músicas, coma o charlestón, o fox-trot, o jazz ou o tango, son importadas de América, das chamadas Jazz Bands. Son ritmos que coñecían a través dos discos que  chegaban dos galegos na emigración. A mostra exhibe algún exemplar destes discos e incluso unha carta enviada dende Bos Aires do director da Jazz Band Celta, dirixida polo galego José Barreiro, ofrecendo actuacións.

Ao remate da guerra en 1939 retómanse as festas que estiveran prohibidas e empezan a proliferar as verbenas nos barrios. As orquestras xa son entes que teñen nome propio como se comproba en dúas pezas: unha foto dun baile do Círculo de Artesáns da Coruña nos anos 40 celebrado no Teatro Rosalía de Castro coa actuación da Orquestra X, ou un programa de festas de 1944 (Betanzos) onde actúan Los Satélites.

Os carteis promocionais e os programas das festas

A exposición comeza cunha recompilación de programas orixinais de festas dende os anos 20 ata 1935. No seu percorrido, combina estes materiais con carteis, tanto das festas como os que comezan a realizar as propias orquestras nos anos 60-70 para promocionarse. Exponse o primeiro cartel que se conserva deste tipo, da Orquestra Sintonía de Vigo de 1969, cunha estética rompedora ao estilo Grease e coa presenza de guitarras eléctricas.

Os carteis amosan unha evolución no deseño gráfico e no papel cada vez máis destacado das orquestras nas verbenas. A través deles vemos a importancia da posta en escena e a aparición de fotos dos cantantes-animadores ou a incorporación de novos instrumentos e vestiarios. Un exemplo é un cartel da Orquestra Florida que nos anos 70-80 utiliza dúas fotografías, unha delas co grupo vestido de mariachis. Destaca, ademais, un cartel onde aparece unha muller, Esther Martínez.

A reinvención das orquestras

Os anos 80 foron moi prolíficos para as orquestras, sobre todo coa aparición da Radio Galega e a Televisión de Galicia, que supuxeron grandes plataformas para elas. A canle incluso crea unha orquestra propia, recollida na exposición a través da reprodución dun cartel que asina Xoán Piñón. Tamén se produciu nesa época o despegue das salas de festas con música ao vivo que reclamaban a presenza deste tipo de grupos.

Os 90 supoñen un momento de crise, coas orquestras pouco valoradas pola xuventude, a aparición de macroconcertos (Xacobeo 93) e as salas de festas convertidas en discotecas. A situación obriga a facer grandes investimentos en tecnoloxía e aparecen os trailers-escenario, centrándose máis no espectáculo. Desta época recóllense exemplares da revista especializada Campo da festa, editada en galego e que derivou en Fiesta y Espectáculo. Entre o 2012 e 2019 as orquestras souberon reiventarse e xurdiron as festas da xuventude, onde as orquestras adaptaron os seus repertorios. Nace o fenómeno fan.

Unha última vitrina alude ao 2020 e aos anos seguintes, coa crise producida pola pandemia no sector cultural e a aparición posterior de novas propostas que incorporan ao seu repertorio a influencia das orquestras. É o caso do dúo formado por Pili Pampín e Ortiga ou grupos como Novedades Carminha.

Comparte