Nova: A Xunta pon en valor as fotomontaxes do artista Augusto Pacheco coa mostra ‘Mentindo con mestría’

14/11/2023

A Xunta pon en valor as fotomontaxes do artista Augusto Pacheco coa mostra ‘Mentindo con mestría’

A exposición amosa no Museo Etnolóxico de Ribadavia o recurso das montaxes fotográficas como un elemento creador en si mesmo e de reflexión

Ribadavia (Ourense), 14 de novembro de 2023

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a exposición Mentindo con mestría. Montaxes fotográficas de Augusto Pacheco (1948-1973) no Museo Etnolóxico de Ribadavia. Esta mostra fotográfica achega diferentes obras de fotomontaxe do artista Augusto Pacheco.

A exposición, comisariada polos fotógrafos Vítor Vaqueiro e Manuel Pérez Rúa e máis o artista plástico Ánxel Huete, amosa o recurso da fotomontaxe dentro do campo da fotografía como un elemento creador en si mesmo e de reflexión, así como as obras de fotomontaxe Augusto Pacheco no xornal, vinculadas ao 28 de decembro.

Anxo M. Lorenzo salientou durante a inauguración de Mentindo con mestría o valor desta recompilación das fotomontaxes de Augusto Pacheco “por ser un exemplo da capacidade da fotografía para crear e levar aos espectadores á reflexión”, animando aos amantes desta arte a visitar a mostra, que estará dispoñible ata o 30 de xaneiro de 2024.

Augusto Pacheco foi un distinguido fotógrafo da segunda xeración do recoñecido estudo Foto Pacheco e tamén colaborador do traballo de documentación fotográfica de Xaquín Lorenzo. A Xunta de Galicia adquiriu o arquivo do artista e ten os dereitos da súa obra na actualidade.

Comparte