Nova: A Xunta organiza unha xornada sobre aspectos xurídicos na xestión dos centros culturais para 120 profesionais

17/11/2023

A Xunta organiza unha xornada sobre aspectos xurídicos na xestión dos centros culturais para 120 profesionais

O encontro está dirixido a mellorar a formación e capacitación dos responsables e traballadores de arquivos, bibliotecas e museos

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou as Xornada de Aspectos xurídicos na xestión dos arquivos públicos e outros centros culturais no Auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura. “Esta cita está centrada en seguir mellorando a formación e capacidade dos responsables e xestores dos centros culturais galegos”, anotou hoxe durante a inauguración do evento o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

Organizada pola Xunta de Galicia, estas xornadas queren achegar aos asistentes ao eido da xestión de arquivos, “un campo complicado e no que xorden moitas cuestións novas, e debido á súa importancia é un aspecto fundamental”, engadiu Anxo M. Lorenzo. As xornadas contaron coa participación de 120 xestores, completando a súa capacidade.

Os participantes neste encontro descubriron como é o marco xurídico dos centros culturais xestionados pola Administración autonómica a través dun coloquio de Mª Isabel Novo, letrada do Goberno galego e asesora xurídica da Consellería de Cultura. Ademais, o catedrático de Dereito mercantil da Universidade de Santiago, Ángel García, reflexionou sobre a implicación que teñen os arquivos e os museos no que atinxe á propiedade intelectual e o acceso á cultura. “É un dos maiores expertos de propiedade intelectual que hai en España”, puntualizou o director xeral de Cultura.

Protección de datos

Na Xornada de Aspectos xurídicos na xestión dos arquivos públicos e outros centros culturais tamén se puxo sobre a mesa o papel que xogan as entidades de xestión colectiva como a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE), Asociación de Xestión de Dereitos Intelectuais (AGEDI) e Sociedade de Artistas Intérpretes ou Executantes de España (AIE), da man do director territorial da Zona Noroeste da SGAE, Miguel Diéguez.

A cita rematou cunha conferencia sobre a protección de datos persoais en arquivos, bibliotecas e museos da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, unha perspectiva moi relevante debido á cantidade de datos persoais que xestionan os centros culturais.

Comparte