Nova: O Museo do Mar de Galicia rende homenaxe ao poeta vigués Carlos Oroza no centenario do seu nacemento coa exposición ‘En el norte hay un mar...’
21/11/2023
O Museo do Mar de Galicia rende homenaxe ao poeta vigués Carlos Oroza no centenario do seu nacemento coa exposición ‘En el norte hay un mar...’
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugura a mostra, que estará aberta ao público durante tres meses
Vigo, 21 de novembro de 2023
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a exposición En el norte hay un mar... no Museo do Mar de Galicia de Vigo, contribuíndo ao centenario do nacemento de Carlos Oroza. “Hoxe cúmprense oito anos do falecemento do poeta galego, polo que con esta mostra queremos renderlle unha gran homenaxe”, asegurou Anxo M. Lorenzo.
A mostra está comisariada polo escritor e pintor Antonio Chaves, quen foi colaborador e amigo de Oroza, e polo artista Carlos Vilas, que durante 15 anos foi responsable das dinámicas arquitecturas escénicas do poeta. “Os comisarios de En el norte hay un mar... quixeron expor este traballo como un verso oroziano, libre e sen medida, como danza atlántica de ondas oceánicas e como un recoñecemento plural ao considerado como o mellor poeta oral de España a cabalo dos séculos XX e XXI”, engadiu o titular de Cultura.
Os contidos da exposición, que estará aberta ao público durante tres meses, abarcan unha rica pluralidade de parcelas do poliédrico Carlos Oroza, desde todos os seus libros publicados ata aspectos inéditos da súa vida e obra, como por exemplo a súa faceta de pintor e debuxante, o seu paso polo exército ou a súa voda.
Outros traballos sobre o artista
Este é un traballo máis para a conmemoración do centenario do nacemento do poeta vigués, que se suma a outras iniciativas da Xunta de Galicia como a exposición Oroza (1923-2023). Centenario do poeta Carlos Oroza.Trátase dunha proposta itinerante que pasa por distintos puntos da xeografía galega como Vigo, Ribadavia, Pontevedra, Viveiro, Folgoso do Courel, Lugo, Santiago de Compostela, A Coruña ou Ourense.
Ademais desta proposta, o Goberno galego tamén colabora coa edición do libro Oroza 100, no que artistas, intelectuais e escritores ofrecen a súa visión e experiencia sobre o artista, e coa convocatoria do primeiro Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza con periodicidade bienal e tres categorías: galego, castelán e mellor iniciativa musical.