Nova: Román Rodríguez enxalza o gran momento da industria cultural galega e a súa capacidade de adaptación aos novos formatos e hábitos de consumo
01/12/2023
Román Rodríguez enxalza o gran momento da industria cultural galega e a súa capacidade de adaptación aos novos formatos e hábitos de consumo
O responsable autonómico de Cultura salienta a solidez e a competitividade deste sector, ao que a Xunta destinará 105 M€ en 2024 e que precisa tamén do compromiso do Executivo central para garantir un desenvolvemento innovador e competitivo
Así o vén de trasladar nunha carta ao novo ministro na que reitera a importancia da elaboración dun PERTE para a cultura que recoñeza o seu valor e de que se trasladen a Galicia os fondos necesarios para garantir o galego nas novas tecnoloxías
A Consellería reforzará o Plan Xeración Cultura para apoiar o gran momento deste sector coa súa modernización creativa e empresarial e o acceso universal á cultura
Pontevedra, 1 de decembro de 2023
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugurou este mediodía a 16ª edición de Culturgal, a Feira das Culturas Galegas que se celebra ata o domingo no Pazo da Cultura de Pontevedra coa ollada posta na captación de públicos e no avance dos fitos culturais que protagonizarán o 2024 na nosa Comunidade. Na súa intervención, fixo especial fincapé na solidez e a competitividade da industria cultural galega, á que puxo como exemplo de modernización e capacidade de adaptación aos novos formatos e hábitos de consumo.
A Consellería destinará a este sector 105 M€ nos Orzamentos de 2024, que volven medrar, especialmente no reforzo de fondos propios, e reclamou que o sector cultural precisa tamén do compromiso do Executivo central para garantir “un desenvolvemento innovador e competitivo nos vindeiros anos”. Tal e como explicou, así o vén de trasladar esta semana nunha carta dirixida ao novo ministro de Cultura, Ernest Urtasun, na que reitera a importancia da elaboración dun PERTE para a cultura, que o seu antecesor non impulsou, para fortalecer e recoñecer o seu valor para a sociedade e o seu peso na economía.
Así mesmo, no relativo á lingua galega, tamén incidiu na necesidade de que, no marco do PERTE da Nova Economía da Lingua, se trasladen a Galicia os fondos necesarios para que o galego forme parte dos novos usos tecnolóxicos ou da intelixencia artificial ao mesmo nivel que calquera outra lingua co Proxecto Nós. “Esperamos que nesta nova etapa poidan axilizarse e concretarse estas inversións e outras que afectan aos nosos bens culturais e patrimoniais e que poidamos avanzar nun mellor futuro para Galicia”, engadiu.
Prioridades da política cultural
Román Rodríguez indicou que a estratexia da política cultural da Xunta continuará articulándose arredor do Plan Xeración Cultura, que en 2023 ten suposto unha inxección económica de 34 millóns de euros e do que avanzou algunhas das prioridades para o ano que vén: “Manter o crecemento do sector nun contexto de incremento da oferta e da demanda cultural, apostar pola modernización das estruturas empresariais e de creación para a adaptación da cultura galega aos novos contextos dixitais e usos tecnolóxicos, e, por suposto, seguir garantindo o acceso universal á cultura e impulsando o talento”.
Entre as principais medidas ao respecto salientou, por exemplo, o desenvolvemento do pioneiro Centro Galego de Artes Dixitais e da Galicia Film Commission, a próxima aprobación da Lei de Cultura Accesible e Inclusiva ou as actuacións do Plan Catedrais. Neste marco, animou o público a acudir a esta 16ª edición de Culturgal para coñecer de primeira man as novidades da oferta cultural galega dos vindeiros meses e gozar dos espectáculos, presentacións, exposicións e demais experiencias programadas.
Concertos, experiencias virtuais e videoxogos
A Xunta de Galicia repite como principal entidade patrocinadora da feira, coa que tamén colabora mediante a promoción directa dunha trintena de actividades tanto no expositor institucional que quedou instalado no recinto feiral como noutros espazos comúns de Culturgal. Entre elas, o concerto da xira de despedida de Leilía mañá ás 21,00 h., as presentacións de diferentes iniciativas autonómicas de promoción cultural, as experiencias de realidade virtual e aumentada Galiverso. O vello Portomarin e Hábitats Natureza Estendida, a exposición interactiva sobre o videoxogo en Galicia ou a competición diaria de tres videoxogos galegos: Super Woden GP, de Vijuda, xogo de rallies para gamers en xeral; Avoo, de Iseltec, un trivial interxeracional para toda a familia, e Grelo, de Colectivo Arume, unha proposta de obstáculos na que poden participar todos os públicos.
En concreto, a actividade promovida pola Xunta para este venres arrancou coa entrega dos premios Nós tamén creamos! para alumnado de Infantil e Primaria e co anuncio da xira de Nadal dos Bolechas. Tras a inauguración oficial de Culturgal, tivo lugar o avance das actividades que marcarán a celebración do 40º aniversario do Centro Dramático Galego, ao que seguiu unha acción escénica a cargo de Teatro ó Cubo coa proposta teatral De Vilatriste a Vilalegre.
Xa pola tarde, o Espazo Música acolle ás 16,00 horas a presentación das propostas seleccionadas este ano no Programa de Residencias Artísticas do Gaiás, e ás 17,00 h. un coloquio arredor da primeira edición da aceleradora Sonemerxente para proxectos musicais, da que se avanzarán as novas incorporacións para 2024. O público poderá gozar, así mesmo, dun showcase a cargo de Helena Egea, unha das artistas seleccionadas na primeira edición desta iniciativa da Xunta, coa colaboración da Fundación Paideia.
O Espazo Escena será ás 18,00 h. o escenario para un encontro cos gañadores do Premios Xuventude Crea, mentres que no Espazo Infantil terá lugar a presentación dos últimos videoclips de Cholo e Nela ás 19,00 h. A actividade preparada para esta xornada inaugural complétase co recital poético-musical DES A MAR Ultrasónico, no que Álvaro Iglesias pon melodía aos versos de Elba Pedrosa. Será ás 19,00 h. no Espazo Letras.
Toda a programación da Xunta de Galicia en Culturgal poden consultarse en cultura.gal.