Nova: A Xunta pon en valor a traxectoria do escritor Rafa Vilar tras recibir o XXI Premio de Poesía Afundación

01/12/2023

A Xunta pon en valor a traxectoria do escritor Rafa Vilar tras recibir o XXI Premio de Poesía Afundación

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, entregan o galardón pola obra Os lugares da memoria

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2023

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na concesión do galardón do XXI Premio de Poesía Afundación ao escritor Rafa Vilar (Cee, 1968). O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, fixeron entrega dunha figura e un diploma conmemorativos ao autor, quen se fixo co galardón, dotado con 6.000 euros, da vixésimo primeira edición do premio polo seu poemario Os lugares da memoria, do que recitou algunhas pezas para pechar o acto.

O director xeral de Cultura salientou a importancia deste certame, organizado pola Afundación e o Centro Pen Galicia co apoio e colaboración da Xunta de Galicia, que pon en valor “a cultura galega e os nosos escritores”. “É un acontecemento importante e no que se destacan a personalidades comprometidas coa literatura galega”, engadiu.

Na xornada tamén se presentou a Antoloxía do Premio de Poesía Afundación, unha edición crítica e conmemorativa do vixésimo aniversario deste galardón a prol da literatura galega. Neste libro inclúense todos os gañadores de edicións pasadas, entre os que se atopan escritores como Xavier Seoane, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Yolanda Castaño ou Ledicia Costas, entre outros.

 

Comparte