Nova: Román Rodríguez anuncia que a rehabilitación do Mosteiro de Ferreira de Pallares comezará a vindeira semana

09/12/2023

Román Rodríguez anuncia que a rehabilitación do Mosteiro de Ferreira de Pallares comezará a vindeira semana

A Xunta investirá nesta actuación máis de 600.000€ para recuperar a estrutura de madeira da cuberta e solucionar os problemas de humidade

 

Os traballos, que rematarán no verán, inclúen tamén a restauración do coro, a portada e a reixa e a renovación da instalación eléctrica e da iluminación

 

“Galicia conta cun rico patrimonio espallado por toda a Comunidade que temos a obriga de protexer e manter nas mellores condicións”, salienta o conselleiro

 

Guntín (Lugo), 9 de decembro de 2023

As obras de rehabilitación impulsadas pola Xunta de Galicia no Mosteiro de Ferreira de Pallares, no concello lucense de Guntín, poranse en marcha a vindeira semana. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita a este ben localizado ao pé do Camiño Primitivo para explicar as intervencións previstas.

“Galicia conta cun rico patrimonio cultural espallado por toda a Comunidade que temos a obriga de protexer e manter nas mellores condicións”, salientou o responsable autonómico de Cultura, quen explicou que os traballos contan cun investimento superior aos 600.000€ co obxectivo de solucionar os problemas de humidade e colonización biolóxica que afectan a igrexa.

Os traballos que comezarán a vindeira semana teñen como obxectivo fundamental solucionar os problemas de humidade e colonización biolóxica presentes na igrexa. Para iso cambiarase a cuberta, recuperando a estrutura de madeira, restauraranse as carpinterías e executarase un sistema de drenaxe efectivo ata o nivel dos alicerces, para evitar que o subsolo se vexa afectado coas fortes escorrentías de auga e mitigar a presenza de humidade no pavimento interior da igrexa.

Ademais, acometerase a limpeza da fábrica de pedra, eliminando as colonizacións biolóxicas, así como os rexuntados con morteiro de cemento, que se substituirán por uns novos de morteiro de cal. A maiores, e dado o seu deterioro actual, restaurarase tanto o coro como a portada e a reixa e renovarase a instalación eléctrica e o sistema de iluminación do templo.

Máis investimento en patrimonio

“Trátase dun importante esforzo inversor que se enmarca no compromiso do Goberno galego para seguir coidando e preservando o noso legado artístico e cultural e solucionando os problemas derivados do paso do tempo”, sinalou Román Rodríguez. Neste senso, engadiu que este compromiso queda reflectido nas contas do vindeiro ano, que contan cun incremento do 7% nos orzamentos destinados a este fin.

 

Comparte