Nova: A Xunta pecha un acordo para exhibir no Gaiás como único destino en España o tesouro artístico do museo de Terra Santa de Xerusalén

12/12/2023

A Xunta pecha un acordo para exhibir no Gaiás como único destino en España o tesouro artístico do museo de Terra Santa de Xerusalén

‘Tesouros reais. Obras mestras do Museo de Terra Santa’ exhibirá na Cidade da Cultura pezas de ourivería, cálices, códices ou téxtiles, doados a Xerusalén polas monarquías europeas ao longo de cinco séculos

Román Rodríguez subliña a “oportunidade única que suporá este proxecto expositivo para que o público galego se achegue a un conxunto de excepcional valor histórico e artístico que raramente puido ser contemplado polo gran público”

Santiago de Compostela será a única parada en España, e unha das poucas no mundo, destas obras que agora se amosan no Museo Calouste Gulbenkian de Lisboa, e que se poderán ver no Museo Centro Gaiás entre marzo e agosto de 2024

Na súa estadía en Galicia, a mostra achegarase tamén ao vencello entre dúas grandes cidades de peregrinación como Xerusalén e Compostela, a través dunha selección de obras arqueolóxicas e pictóricas

 

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2023 A Xunta de Galicia vén de ratificar un acordo coa Fundación Calouste Gulbenkian de Lisboa e a Custodia de Terra Santa de Xerusalén para exhibir na Cidade da Cultura —entre marzo e agosto de 2024— o extraordinario e pouco coñecido tesouro artístico do Terra Sancta Museum. Santiago de Compostela será o único punto en España onde se poderá ver este conxunto de obras que agora mesmo se exhiben na capital portuguesa, onde veñen de iniciar un itinerario internacional que as achegará a diversas cidades de Europa e América.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asinou esta mañá o convenio de colaboración que permitirá exhibir na Cidade da Cultura a mostra Tesouros reais. Obras mestras do Museo de Terra Santa, á que se referiu como “un dos principais proxectos expositivos do Museo Centro Gaiás para 2024, que será ademais o único punto en España onde se poderá contemplar este conxunto de obras de excepcional valor histórico e artístico”.

O titular de Cultura do Goberno galego subliñou que Tesouros reais suporá para o público galego “a oportunidade única de contemplar obras conservadas durante séculos pola Custodia Franciscana da Terra Santa de Xerusalén, doazóns realizadas ao longo de 500 anos polas monarquías máis poderosas de Europa, desde cálices, xoias, códices, baldaquinos, lámpadas... pezas únicas, de metais e pedras preciosas, elaboradas polos mellores ourives, artesáns e artistas da época”.

O acto de sinatura e presentación do proxecto, celebrado hoxe na Cidade da Cultura, contou coa presenza do director do Museu Calouste Gulbenkian, António Filipe Pimentel; o director da oficina de Patrimonio Cultural da Custodia de Terra Santa, Fr. Stéphane Milóvich, así como a presidenta do Comité Científico do Museo de Terra Santa, Beatrix Saule, quen foi tamén directora do Museo Nacional do Pazo de Versailles e do Trianon entre 2010 e 2016.

O evento contou, ademais, coa participación do comisario internacional á fronte do proxecto, Jacques Charles-Gaffiot, membro tamén do Comité Científico do Museo de Terra Santa de Xerusalén, e os dous comisarios locais da mostra: a directora do Museo das Peregrinacións e de Santiago, Esperanza Gigirey, e o ministro provincial da orde dos franciscanos en Santiago de Compostela, Juan Manuel Buján.

Proxecto internacional

Tesouros reais. Obras mestras do Museo de Terra Santa amosará no Gaiás un patrimonio artístico pouco coñecido, que ata o momento apenas foi exhibido ao gran público. Ademais de Lisboa e Compostela, ao circuíto internacional da exposición sumaranse en 2024 e 2025 dous destinos máis, respectivamente, en Europa e Estados Unidos, que serán anunciados en datas próximas. Posteriormente, estas obras comporán o núcleo da colección histórica do Terra Sancta Museum, que prevé abrir as súas portas ao público na cidade vella de Xerusalén.

Na súa estadía en Galicia, a exposición completarase tamén con pezas arqueolóxicas, pictóricas e outras obras senlleiras de institucións galegas como o Museo de Terra Santa do compostelán Convento de San Francisco e o Museo das Peregrinacións, e tamén de fóra de Galicia como o propio Museu Calouste-Gulbenkian. O proxecto achegarase así ao nexo que une tres grandes cidades de peregrinación como son Xerusalén, Roma e Santiago de Compostela.

Institucións co-organizadoras

Creada en 1956, a Fundación Calouste Gulbenkian é considerada como unha das institucións culturais portuguesas de referencia e unha das máis dinámicas de Europa. O Museo Calouste-Gulbenkian é o buque insignia da Fundación, atesourando unha colección de seis mil pezas de arte exipcia, grecorromana, mesopotámica, islámica, armenia e de Oriente.

A Custodia franciscana de Terra Santa é o nome co que se coñece á provincia da orde franciscana que se encarga da administración dos lugares cristiáns en Xerusalén, da recepción de peregrinos, e do coidado do patrimonio histórico-artístico de lugares como a igrexa do Santo Sepulcro. Co obxectivo de pór en valor este patrimonio na cidade vella de Xerusalén naceu o proxecto do Terra Sancta Museum (Museo de Terra Santa), que conta xa cun núcleo arqueolóxico aberto ao público no Convento da Flaxelación e que prevé a futura apertura das súas coleccións históricas no Convento de San Salvador.

Comparte