Nova: A Xunta patrocina o Conecta LAB da Asociación audiovisual CREA para acompañar o proceso creativo de seis novos proxectos audiovisuais
13/12/2023
A Xunta patrocina o Conecta LAB da Asociación audiovisual CREA para acompañar o proceso creativo de seis novos proxectos audiovisuais
As propostas seleccionadas recibirán asesorías de guión e dirección por parte de recoñecidas figuras do sector, que culminarán o vindeiro mes de abril nunha residencia artística de 10 días na Illa de San Simón
Vigo, 13 de decembro de 2023
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe en Vigo na presentación dunha nova edición de Conecta LAB, organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización CREA co patrocinio da Xunta para acompañar e impulsar o proceso creativo de seis novos proxectos audiovisuais.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades explicou que esta iniciativa insírese na liña de colaboración que se mantén desde hai varios anos co devandito colectivo audiovisual cun obxectivo de común: “Posibilitar puntos de encontro profesional para continuar avanzando no que xa é hoxe un feito máis que comprobado: o talento e a solvencia do audiovisual galego”, asegurou no acto celebrado na sede viguesa da Deputación de Pontevedra.
Apoio ao desenvolvemento de novas propostas
No caso concreto do Conecta LAB, este apoio céntrase no impulso e acompañamento do proceso de creación, escrita e desenvolvemento de longametraxes e series, tanto de ficción como documentais, de xeito que entronca con varias das liñas de axudas ao sector que a Xunta convoca anualmente, como as dirixidas á promoción do talento ou ao desenvolvemento de proxectos. Respecto desta última, lembrou que a pasada semana se resolveu a convocatoria de 2023, a través da que se contribuirá ao financiamento dos traballos de preprodución de 21 novos títulos galegos para cinema e televisión.
Os seis proxectos que participarán na nova entrega do laboratorio de CREA serán elixidos entre as máis de 200 propostas recibidas, das que un 40% están asinadas por mulleres e un 30% son en lingua galega. Os seleccionados terán a oportunidade de recibir asesorías de guión e dirección por parte de recoñecidas figuras do sector nun proceso que culminará o vindeiro mes de abril cunha residencia artística de 10 días na Illa de San Simón.
Cinco das propostas seleccionadas serán anunciadas este Nadal, mentres que a sexta se dará a coñecer no transcurso de Conecta+, un encontro de networking entre profesionais da creación e a produción ao que se convidará unha selección de destacadas produtoras do actual panorama audiovisual a nivel estatal. O prazo de inscrición para este evento abrirase a partir do 20 de decembro.