Nova: A Xunta incrementa nun 17 % o apoio á programación do teatro principal de Ourense no marco da Rede galega de teatros e auditorios
15/12/2023
A Xunta incrementa nun 17 % o apoio á programación do teatro principal de Ourense no marco da Rede galega de teatros e auditorios
As compañías Caldas e Mancho, Sarabela, Ibuprofeno, Condetrespés, Mario Vega, Ron Lalá e Inconstantes levarán a cabo 10 funcións dos seus últimos espectáculos no primeiro semestre de 2024
Ourense, 15 de decembro de 2023
A Xunta de Galicia incrementará en 2024 nun 17% a dotación anual para a programación do Teatro Principal de Ourense, que disporá de máis 38.000 euros como escenario asociado á Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de distribución de espectáculos cofinanciado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e as 40 entidades locais integradas. Así o especificou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen participou hoxe no anuncio da nova carteleira do espazo ourensán ata o vindeiro mes de xuño.
Un 11% máis de investimento total
Sutil adiantou tamén que, na achega económica para todo o ano que vén e en todo o territorio por parte da Xunta, a Rede Galega de Teatros e Auditorios experimentará un incremento de máis do 11% no investimento por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais, co que se acadará un millón de euros. Deste xeito, o orzamento total desta programación para os 12 meses situarase arredor dos dous millóns de euros, sumando as dotacións das entidades asociadas, cifra que se destina integramente á contratación das formacións artísticas participantes, galegas na súa meirande parte.
A nova carteleira semestral do Teatro Principal como parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios complétase con Protocolo del quebranto, de Mario Vega, o 14 de xaneiro; o humor de Ron Lalá, que trae a Ourense o seu espectáculo 4x4, e Hasta que la muerte nos separe, proposta da compañía madrileña Inconstantes Teatro que puido verse na pasada edición do mercado Galicia Escena PRO, organizado en Santiago de Compostela pola Xunta de Galicia e a asociación de compañías profesionais Escena Galega.