Nova: Un percorrido pola obra de Antón Lamazares inaugurará o programa expositivo do CGAC en 2024 con ata 11 exposicións

15/12/2023

Un percorrido pola obra de Antón Lamazares inaugurará o programa expositivo do CGAC en 2024 con ata 11 exposicións

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, acompañado polo director do centro, Santiago Olmo, presenta a axenda cultural do vindeiro ano

O museo continuará enriquecendo a cultura e arte galega en todas as súas vertentes

Entre as mostras previstas tamén se atopa ‘Resignificacións’, adicada a Concha Jerez e José Iges, e un repaso pola vida da artista Mar Caldas

 

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2023

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, acompañado polo director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Santiago Olmo, presentou hoxe a programación anual de exposicións e actividades do centro para o ano 2024. “Estamos ante un programa moi completo e moi variado, co que se quere achegar á arte a todos os públicos”, salientou o representante da Consellería de Cultura.

“Tras un ano repleto de obradoiros e mostras moi interesantes e de gran magnitude, enmarcadas no 30 aniversario do CGAC, continuamos impulsando a actividade con moitas novidades”, explicou Anxo M. Lorenzo sobre as 11 exposicións programadas, coas que se busca enriquecer as liñas abordadas durante os últimos anos neste centro cultural, incidindo tamén en novas áreas de traballo.

No vindeiro ano impulsaranse mostras como Antón Lamazares, Inda é día, que fai un percorrido pola obra do artista da man do comisario António Gonçalves. Estará dispoñible do 16 de febreiro ao 5 de maio. De marzo a xullo poderá verse a mostra San Pedro: Experiencias dun barrio, un traballo resultado do taller No espazo e na voz lemos o tempo.

Doutra banda, do 7 de xuño ao 1 de setembro, o CGAC divulgará a mostra Resignificacións, dedicada ao traballo en común entre Concha Jerez e José Iges. Este traballo incide na performance, na instalación de fondo crítico e na importancia da arte sonora. Santiago Olmo comisariará, do 24 de maio ao 8 de setembro, unha recompilación da obra de Priscila Monge, frecuentemente incluída na escena posconceptual latinoamericana dos 90.

No marco do programa de artistas de media carreira, o CGAC presentará, do 20 de setembro a xaneiro de 2025, unha mostra individual comisariada por Monse Cea sobre a artista Mar Caldas, pioneira da arte feminista en Galicia. Por último, do 1 de outubro e ata xaneiro de 2025, Nicolás Combarro e Miguel Ángel Delgado achegarán ao público a exposición Novos Imaxinarios, sobre o cinema contemporáneo.

Peche do 30 aniversario

Como peche do 30 aniversario do CGAC, estarán dispoñibles ata o 14 de xaneiro varios traballos. Os interesados poden visitar a mostra Implosión, a arte conceptual na colección CGAC comisariada por Pedro de Llano, mentres que Traballo en equipo, comisariada por Santiago Olmo, pode verse ata o 7 de xaneiro.

No hall do CGAC estará ata o 14 de xaneiro a intervención Flor e acanto de Almudena Fernández Fariña, un diálogo contraposto entre a arquitectura minimalista de Álvaro Siza e o barroquismo do convento de San Domingos de Bonaval, así como a intervención de Suso Fandiño na terraza do edificio, baixo o título O CGAC está aquí. Tamén ata o mesmo día estará instalada A Profundidade do corpo: a Onda de Ernesto Neto.

Visitas guiadas e sesións didácticas

O Centro Galego de Arte Contemporánea tamén contará con variadas actividades para o vindeiro ano que se estruturan arredor de dous eixes: un de ton educativo con sesións didácticas e outro máis diverso e xeral, vinculado ao programa expositivo. Máis alá das visitas guiadas, o CGAC organiza talleres de artistas, debates, ciclos de conferencias ou de cinema, así como colaboracións con eventos e congresos.

Entre moi variadas propostas para público infantil e tamén adulto, o CGAC xa ten programadas máis dunha vintena de actividades, entre as que destacan os Diálogos Avant Garde, un curso en liña de moda e arte contemporánea; Memorias dunha Imaxe Latente, un curso de historia da fotografía, ou Arte na Aula, un taller para ler, crear e comunicar a través de imaxes, entre outros.

O museo tamén acollerá encontros arredor de coleccións públicas de arte contemporánea para debater entre os participantes, así como unha charla-concerto en memoria da soprano María Callas ou un curso sobre o cinema no Camiño. Ademais, haberá variadas actividades relacionadas coas exposicións do 2024.

Comparte