Nova: A Xunta programa máis de 60 actividades e exposicións para este Nadal en bibliotecas, museos e arquivos
19/12/2023
A Xunta programa máis de 60 actividades e exposicións para este Nadal en bibliotecas, museos e arquivos
Obradoiros, charlas, mostras fotográficas e bibliográficas, concertos e presentacións de libros son algunhas das propostas gratuítas para estas datas
As citas, que organiza a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, están pensadas para todos os públicos
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2023
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ofrecerá este Nadal unha ampla programación cultural para todos os públicos. As bibliotecas, museos e arquivos dependentes da Xunta de Galicia concentran máis de 60 actividades e exposicións para estas festas.
Obradoiros, mostras fotográficas e bibliográficas, actividades infantís, presentacións de libros, concertos e decenas de variadas actividades para pequenos e maiores ocuparán estas instalacións públicas durante as datas festivas. A programación completa pode consultarse na Axenda da Cultura de Galicia.
Contacontos e panxoliñas nas bibliotecas
A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal lanza numerosas propostas para os máis cativos, pero tamén para público adulto. Están programados o 21 de decembro un obradoiro de iniciación ao lettering, o día 22 o espectáculo A Ramona pequena vai á lúa, o día 23 o contacontos Contos de Nadal, o 28 de decembro un obradoiro de elaboración dun mini álbum con scrapbook e o día 30 o contacontos O Apalpador conta con vós. A sala infantil da biblioteca acollerá ata o 5 de xaneiro a mostra bibliográfica Tempo de Nadal para os máis cativos e, ata o 30 de decembro, a mostra Miguel López, O Hematocrítico (1976-2023) en homenaxe ao profesor falecido. As instalacións tamén teñen dispoñibles dúas exposicións, unha coas postais do IX Certame de tarxetas do Nadal e outra fotográfica, Berlín a simple vista.
Na Biblioteca Pública de Lugo dan comezo a estas festas cun concerto de Nadal do Orfeón Lucense o vindeiro 22 de decembro, mentres que o día 29 a cativada ten unha cita con Contario, os contos de Pablísimo. A entidade completa a súa programación co Certame de Poesía Infantil Nadal 2023. A Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, pola súa banda, tamén se suma ás actividades coa Ludobiblio Cempés para a conciliación, un obradoiro de panxoliñas de Nadal e a mostra Unha viaxe polos mercados de Nadal, así como a presentación do libro Aventura en la fraga mágica de Marita Muñiz o 3 de xaneiro.
Durante as semanas de vacacións escolares, a Biblioteca Pública de Ourense Nós mantén activas numerosas actividades habituais ao longo do ano para maiores de 14 anos, como os clubs de lectura ou obradoiros de debuxo dixital. Ademais, o 19 de decembro acollerán a charla O Nadal nos retablos ourensáns e as mostras A cámara fotográfica e O mundo dos selos: 25 anos da campaña escolar. A entidade tamén dará a coñecer as obras finalistas do XVII Premio Novela Europea Casino de Santiago e as publicacións máis interesantes e recomendables da literatura infantil e xuvenil.
A rapazada de 0 a 3 anos terá as súas citas na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel os días 28 de decembro e 11 de xaneiro cos contacontos Cociñando con sentimento e Glup, respectivamente. Os maiores de 4 anos, pola súa banda, poderán desfrutar o 23 de decembro da narración oral Non teño medo e o día 30 de Brinca vai!. A biblioteca tamén organiza obradoiros para a mocidade: do 26 ao 29 de decembro sobre lettering creativo e do 2 ao 5 de xaneiro sobre decoración de Nadal. Para completar a programación, estarán dispoñibles as exposicións Folerpas lectoras e Inverno de lecturas na sala infantil.
A esta oferta cultural súmase a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés con actividades variadas arredor do programa Nadal na Biblioteca, unha mostra para animar á lectura a cativada e o obradoiro de manualidades Imaxina o teu Nadal o 27 de decembro.
Mostras en toda a xeografía galega
Os museos galegos apostan pola realización de diversas actividades que os convertan en lugares vivos e cheos de cultura, e máis nestas datas de Nadal. Para iso, o Museo Massó organiza obradoiros para as familias e a cativada: o 28 de decembro versará sobre o mundo mariño, o día 30 sobre libros e o 4 de xaneiro sobre origami mariño. A Cidade da Cultura tamén conta cunha ampla programación de Nadal con actividades para a cativada, exposicións para todos os públicos e un percorrido polas súas luminarias. Outras entidades, como o CGAC, achegan aos máis pequenos dous obradoiros relacionados con estas festas: Que hai neste caixón? os días 27, 28 e 29 de decembro e Fotosía os días 3, 4 e 5 de xaneiro.
O Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) organiza Factoría de xoguetes, un taller infantil o día 26 de decembro, mentres que o Museo do Mar de Galicia en Vigo programa variados eventos entre os que destaca unha experiencia de realidade virtual, Galiverso somerxido, o 22 de decembro. Así mesmo, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense aposta por dar a coñecer a peza do mes de decembro, arredor do territorio. Na mesma provincia, o Museo Etnolóxico de Ribadavia programa a presentación do libro Liberalismo decimonónico: ilustres ribeiranos de Francisco Lorenz Amil e difundirá virtualmente a colección de programas de man cinematográficos, así como a súa peza do Nadal, o bloc postal.
Como ao longo do ano, os museos teñen dispoñibles traballos expositivos para todos os públicos. Durante estas semanas están programadas unha decena de mostras, entre as que destacan o traballo sobre o fondo fotográfico de Mary Quintero, no Museo do Mar e promovido polo Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, ou Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia e Torre da Parada no Museo de Belas Artes da Coruña. O Museo do Castro de Viladonga aposta pola mostra Os acebiches do castro de Viladonga e o Museo das Peregrinacións e de Santiago promove a mostra Peregrinas Ilustradas.
Pola súa banda, o Museo Etnolóxico de Ribadavia ten abertas ao público as mostras Benvidos, Novas adquisicións, Carta executoria de Fidalguía dos Merúendano, Luis R. Brage Villar, unha vida en movemento, Mentindo con mestría. Montaxes fotográficas de Augusto Pacheco (1948-1973) e a mostra da obra do artista gráfico Alfonso Soto Fon. O Museo do Viño de Galicia ofrece as exposicións Imaxes do viño en Galicia: etiquetas do viño galego e UVA: unha carpeta de gravados sobre o mundo do viño.
Olga Gallego e a cidade de Ourense
Os arquivos tamén contan con exposicións moi variadas ao longo das semanas de Nadal. Destacan as homenaxes a Olga Gallego no centenario do seu nacemento no Arquivo de Galicia e no Arquivo Histórico Provincial de Ourense. En Ourense tamén dan a coñecer unha exposición sobre a historia da cidade das burgas e no Arquivo Histórico Provincial de Lugo optan por unha exposición de fotografías de José Luis De Vega, entre os anos 1970 e 1975.