Nova: A Rede Galega de Teatros e Auditorios contribúe á oferta cultural do concello de Ames con 12 funcións cofinanciadas pola Xunta de Galicia

21/12/2023

A Rede Galega de Teatros e Auditorios contribúe á oferta cultural do concello de Ames con 12 funcións cofinanciadas pola Xunta de Galicia

Talía, Teatro do Noroeste, Sarabela, Roi Borrallas, Redrum, ArtesaCía, Empatía Teatro, Marta Alonso Tejada, Fran Sieira, Chévere e Carmen Méndez, Marta Doviro e Ledicia Sola configuran a proposta para o primeiro semestre do ano

Ames (A Coruña), 21 de decembro de 2023

A Xunta contribúe un ano máis á programación cultural do Concello de Ames cunha achega de máis de 26.000 euros para os 12 espectáculos galegos que acollerán durante o primeiro semestre de 2024 a Casa da Cultura de Bertamiráns e a do Milladoiro como parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto autonómico de espectáculos cofinanciado xunto a 40 entidades locais. 

Así o explicou hoxe o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, na presentación deste nova carteleira xunto aos representantes municipais e das compañías galegas de artes escénicas que actuarán en Ames nos vindeiros meses. O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades engadiu que a devandita Rede pechará 2023 tendo desenvolvido 490 funcións e concertos en toda Galicia, nunha programación que “actúa como o principal mercado de distribución dos espectáculos producidos na nosa terra”, asegurou. Trátase dunha oferta eminentemente escénica, con 138 compañías participantes no ano en curso, pero que tamén incluíu os directos de 25 grupos de música nos últimos 12 meses.

Sutil indicou tamén que na achega económica para todo 2024, a Rede Galega de Teatros e Auditorios experimentará un incremento de máis do 11% no investimento por parte da Xunta de Galicia ata chegar ao millón de euros. Deste xeito, o orzamento total desta programación para os vindeiros 12 meses situarase arredor dos dous millóns de euros, sumando as dotacións das entidades asociadas, cifra que se destina integramente á contratación das formacións artísticas participantes, galegas na súa meirande parte.

Programación no Milladoiro

En Ames, a programación iniciarase o 19 de xaneiro na Casa da Cultura do Milladoiro con Unha inimiga do pobo, versión de Talía Teatro do clásico de Henrik Ibsen. A compañía compostelá ten programada así mesmo unha das súas pezas para público infantil e familiar, Voa, voa, no mesmo espazo o 5 de abril. No Milladoiro tamén actuará o 26 de xaneiro Teatro do Noroeste con Último verán en Santa Cristina, montaxe que repasa as lembranzas dun rapaz que viviu a España franquista, baixo a dirección de Eduardo Alonso. 

Xa no mes de marzo, a versión máis áspera do conto de Hamelin chega ao escenario amesán con esta obra do premiado Juan Mayorga, que a compañía Redrum Teatro escenificará o día 1. Artesacía, pola súa banda, presenta o 15 de marzo a peza para todos os públicos Chola a it girl. A danza chegará ao Milladoiro o día 12 de abril con Ceibe, a nova proposta da compañía de Fran Sieira, mentres que Carmen Méndez, Marta Doviro e Ledicia Sola actuarán neste espazo o 3 de maio co espectáculo cómico As R(h)umorosas como peche da programación semestral da Rede Galega de Teatros e Auditorios en Ames.

Programación en Bertamiráns

Na Casa da Cultura de Bertamiráns a carteleira iniciarase o 2 de febreiro con Made in Galiza, a adaptación de Sarabela Teatro do texto de Sechu Sende baixo a dirección de Fina Calleja. A peza de clown unipersoal Solo, de Roi Borrallas, poderá verse neste escenario o 1 de marzo, mentres que Empatía Teatro chegará o 22 de marzo co espectáculo Esas cousas marabillosas para lle dar visibilidade ao mes mundial da saúde mental na adolescencia.

O 5 de abril Marta Alonso Tejada representa Sofá, a sitcom de danza e teatro coa que a propia Marta e Pablo Reboleiro reflexionan en escena sobre as lóxicas de parella. Chévere Teatro será a encargada de pechar a proposta da Rede en Bertamiráns o 26 de abril, cunha representación do novo espectáculo Helen Keller, a muller marabilla?, unha das primeiras funcións programadas en Galicia despois da xira estatal que ten prevista a compañía a comezos de ano tras a súa estrea na sede do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela no mes de febreiro.

Comparte