Nova: Once empresas galegas participan no MIPTV de Cannes

14/04/2015

Once empresas galegas participan no MIPTV de Cannes

A marca Films from Galicia estará representada polas compañías Areca Films, Bambú Producciones, Ficción Producións, Filmanova, Frida Films, Intuitive Productions, Maruxiña Films, Portocabo, Somadrome, Voz Audiovisual e Zenit Televisión

Trátase da máis multitudinaria feira de contidos dixitais e televisivos, que cada ano reúne uns 11.000 profesionais dun centenar de países, entre os que preto de 4.000 figuran como compradores 

  • Presenza galega no principal mercado internacional para os contidos dixitais e televisivos Presenza galega no principal mercado internacional para os contidos dixitais e televisivos

Santiago, 12 de abril de 2015.- O audiovisual galego desembarca a partir de mañá no MIPTV de Cannes (Francia), o principal mercado internacional para os contidos dixitais e televisivos, cunha misión comercial da que forman parte un total de 11 compañías. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove e coordina esta delegación empresarial e institucional, para a que conta co apoio económico do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a colaboración do Clúster Audiovisual Galego (Clag).

Areca Films, Bambú Producciones, Ficción Producións, Filmanova, Frida Films, Intuitive Productions, Maruxiña Films, Portocabo, Somadrome, Voz Audiovisual e Zenit Televisión viaxan a Cannes na procura de oportunidades de negocio para os seus últimos proxectos e produtos televisivos. O seu punto de encontro será o espazo co que contará a marca ‘Films from Galicia’ dentro do pavillón español, organizado polo Instituto de Comercio Español (ICEX) en coordinación cunha trintena de empresas e entidades de ámbito autonómico e estatal. De feito, España é o cuarto país en canto a número de delegados.

‘TV from Galicia’
Baixo esta mesma marca, dedicada á promoción internacional do audiovisual de produción galega, a Agadic distribuirá no MIPTV a última edición do seu catálogo de produtos cinematográficos e televisivos, que no seu apartado ‘TV from Galicia’ recolle moitos dos títulos desenvolvidos polas empresas da delegación galega: ‘O Códice’, ‘Hospital Real’ e ‘Escoba!’, de Ficción Producións; ‘Hierro’, ‘Los hijos del Sol’, ‘The Avatars’, ‘Cartas a palacio’ e ‘Luci’, de Portocabo; ou ‘Serramoura’, ‘Padre Casares’, ‘A Parella, instrucións de uso’, ‘Louredo responde’ e ‘Chapa e pintura’, de Voz Audiovisual.

Así mesmo, as produtoras e distribuidoras Somadrome e Intuitive Productions presentarán en primicia as súas novas longametraxes documentais, ‘Pluto.The last Frontier’ e ‘Is Anybody Out There?’, no marco do programa paralelo MIPDOC. Pola súa banda, Teresa Fernández-Valdés, a produtora executiva de Bambú Producciones, impartirá unha charla como unha das ‘Key Speakers’ seleccionadas polo MIPTV.

Galicia Calidade 
Ademais, nesta 52ª edición do encontro, a presenza galega esténdese máis alá da representación comercial a través de Galicia Calidade, que colabora co ICEX na organización da recepción que terá lugar o martes no pavillón español e na que os produtos galegos serán os protagonistas.

A do MIPTV en Cannes é unha das máis importantes citas internacionais do sector para a procura de socios cara á produción e comercialización de todo tipo de formatos, programas e contidos para televisión. O evento reúne cada ano uns 11.000 profesionais dun centenar de países, entre os que preto de 4.000 rexístranse como compradores.

Comparte