Nova: A Xunta convoca os seus premios de literatura dramática cunha dotación global de 26.000 euros
09/01/2024
A Xunta convoca os seus premios de literatura dramática cunha dotación global de 26.000 euros
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases do XXVII Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o XIII Manuel María de Literatura Dramática Infantil e o XVI Barriga Verde de textos para teatro de monicreques
O obxectivo dos tres galardóns é promover e recoñecer a creación literaria en galego no eido teatral
Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2024
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases das novas edicións dos tres premios de literatura dramática que a Xunta de Galicia convoca con periodicidade bienal: XXVII Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, XIII Manuel María de literatura dramática infantil e XVI Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas modalidades de público infantil e adulto. Os tres suman unha dotación económica de 26.000 euros (8.000 euros para o primeiro deles e 6.000 euros para cada un do resto de galardóns e categorías).
Estas convocatorias comparten o obxectivo de lle servir de estímulo á creación literaria galega no eido dramático, así como procurarlle un maior recoñecemento e proxección social. Co mesmo fin e ademais das devanditas contías económicas, as bases establecen a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades mantén con diferentes editoriais galegas.
Presentación de orixinais ata o 30 de abril
Poden optar a estes galardóns aquelas persoas físicas maiores de idade que participen con textos teatrais inéditos, escritos en galego normativo e non representados nin premiados noutros certames. As persoas gañadoras da pasada edición non poderán presentarse ao mesmo premio ou modalidade na que resultaron galardoadas. O prazo de presentación de orixinais permanecerá aberto desde mañá ata o 30 de abril.
Nos tres casos, o tema e a extensión poderán ser libres, aínda que se deberá ter en conta o principio de duración normal dun espectáculo teatral. Así mesmo, para o Álvaro Cunqueiro e o Manuel María, quedan excluídos os textos para teatro de monicreques.
Un xurado formado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico será o encargado da valoración de todos os textos recibidos no prazo e forma indicados, preferiblemente por vía electrónica a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia. O seu ditame farase público antes do 10 de decembro de 2024 e para emitilo, teranse en conta aspectos relacionados coas calidades literaria e dramática, a viabilidade escénica, a adecuación a cada galardón e o coidado da lingua.
Na anterior edición, o premio Álvaro Cunqueiro recaeu en O traxe, de Fernando Castro Paredes; o Manuel María foi para Nin me amoles, de Ana Carreira, e o Barriga Verde nas súas modalidades para adultos e para rapaces foi, respectivamente, para José Luis Baños de Cos por Nas nubes e para Eva Mejuto por Os contos do Lobicán.
O traxe e Nin me amoles están publicados na colección Biblioteca Dramática Galega, que a Xunta mantén con Edicións Xerais, mentres que Nas nubes e Os contos do Lobicán forman parte da serie Barriga Verde, de Baía Edicións. Os catro títulos poden adquirirse tanto na Libraría Institucional da Xunta como nos principais puntos físicos de venda.