Nova: A Escola Pablo Picasso da Coruña dá a coñecer traballos e documentación académica do artista entre os anos 1892 e 1895
09/01/2024
A Escola Pablo Picasso da Coruña dá a coñecer traballos e documentación académica do artista entre os anos 1892 e 1895
A mostra conta con variadas láminas, ilustracións da cidade e as notas sobresaíntes de Picasso
Román Rodríguez pon en valor “a pegada artística que garda Picasso da súa formación coruñesa” na última das exposicións conmemorativas polo seu aniversario
A Coruña, 9 de xaneiro de 2024.- O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe na Escola de Arte e Superior de Deseño (EASD) Pablo Picasso a exposición Picasso, alumno desta escola, unha mostra que pon o colofón á intensa celebración do 50º aniversario do pasamento do artista malagueño.
Picasso, alumno desta escola reúne modelos orixinais da época nos que traballaba o artista para posteriormente reproducir as súas obras e láminas dos tres anos que cursou Pablo Picasso no centro (1892-1895). Alí, onde conseguiu praza como profesor de debuxo o seu pai, “aprendeu os primeiros fundamentos do debuxo, publicando en 1894 a súa primeira obra mestra: unha rapaza descalza, nena pobre como moitas daquela época”, indicou Román Rodríguez. Así mesmo atópanse ilustracións sobre o fauno, o home con cordeiro ou as bacanais, temas que debuxa Picasso na Coruña e que reproducía a partir de modelos de xeso.
O titular de Cultura da Xunta fixo un percorrido pola exposición, na que tamén se atopan facsímiles da documentación académica que o centro conservou, e que este ano se transferiron ao Arquivo do Reino de Galicia para o seu acceso e estudo. Esta documentación dá conta do talento que despuntou neses primeiros anos Picasso: notas sobresaíntes, como amosan as súas cartillas.
Esta mostra, na que a maioría das ilustracións se relacionan coa Coruña ou con evocacións mitolóxicas, subliña a “importancia que os anos galegos de formación tiveron na memoria artística do andaluz”, destacou o conselleiro, quen tamén puxo en valor a traxectoria da EASD Pablo Picasso, a escola de arte máis antiga de Galicia, nada en 1849. Ao longo da súa historia pasaron polas súas aulas importantes figuras como Román Navarro, Lolita Díaz Baliño, Ángel Senra, María Barbeito ou Santiago Casares Quiroga, entre moitos outros. Actualmente o centro, dirixido por Elena Pardo, conta con máis de 400 alumnos, implicados en todos os programas e actividades culturais que organiza a EASD Pablo Picasso.
Media ducia de exposición conmemorativas
“Pablo Picasso, o mestre universal, foi na Coruña un alumno brillante, crítico, traveso e xenial, que gardou a pegada da súa formación coruñesa durante toda a súa vida”, dixo Román Rodríguez. “Con esta exposición, a Escola contribúe a ampliar os eventos realizados durante o 2023 para celebrar o seu inmenso legado na Historia da Arte”, engadiu.