Nova: As bibliotecas públicas celebrarán o Día do usuario/a con máis dunha vintena de actividades
10/01/2024
As bibliotecas públicas celebrarán o Día do usuario/a con máis dunha vintena de actividades
A Consellería de Cultura anima á cidadanía a participar nas actividades e a descubrir todos os servizos que ofrecen estas entidades
Agasallos, premios, contacontos e clubs de lectura son algunhas das citas marcadas para este xoves 11 de xaneiro
Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2024
As bibliotecas públicas, dependentes da Xunta de Galicia celebrarán mañá, 11 de xaneiro, o Día do usuario/a das bibliotecas, e farano con máis dunha vintena de actividades para todos os públicos. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades anima á cidadanía a achegarse a estes espazos para desfrutar das citas, co obxectivo de ofrecer servizos de calidade e de carácter cultural e fomentar o gusto pola lectura.
No marco desta cita, a Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña agasallará aos usuarios con libros para fomentar a lectura e homenaxeará aos socios que máis préstamos realizaron no 2023, mentres que a Biblioteca de Lugo ten organizadas visitas guiadas polas súas instalacións ás 12,00 e ás 18,00 horas, así como o nomeamento dos seus socios de honra.
Xa en Ourense, a Biblioteca Nós programa unha ampla variedade de actividades, nas que se inclúe o nomeamento dos socios de honra e visitas guiadas ás 11,00 e ás 13,00 horas. Ás 11,30 horas, esta entidade organiza un club de escrita creativa para adultos maiores de 30 anos, mentres que as 17,15 horas será a quenda do club de lectura de novela negra e, ás 18,00 horas, de obras en galego. Tamén ás 18,00 horas, a artista Soledad Felloza levará aos bebés de 1 a 3 anos o Bebecontos con Cabaliño Hop. Para culminar a súa programación, ás 19,00 horas celebrarase o debate Subir a por aire e un faladoiro en inglés.
En Pontevedra, a Biblioteca Antonio Odriozola tamén nomeará aos seus tres socios de honra do 2023, ademais de achegar un obradoiro interactivo con música e contos en inglés da man de Anias.
Pola súa banda, a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, repartirá agasallos con bolsas sorpresa de libros aos usuarios e visitantes que pasen polas instalacións a partir das 09,00 horas e realizará unha visita guiada ás 12,00 horas. Tamén en Santiago, a Biblioteca Ánxel Casal opta polos préstamos a cegas, na que os visitantes escollerán unha bolsa con libros sorpresa, e o nomeamento dos socios de honra, que será para os tres usuarios con máis préstamos durante o ano 2023.
A Biblioteca Juan Compañel de Vigo celebrará o Día do usuario co sorteo de dous lotes de libros entre os usuarios que asistan á biblioteca mañá e realizará visitas guiadas ás 12,00 e ás 18,00 horas, así como o nomeamento dos socios de honra aos tres usuarios con máis préstamos durante o 2023. Ás 18,00 horas, os bebés terán o seu momento co contacontos Glup. Ramiro Neira.
Citas o 13 de xaneiro
Ademais, as bibliotecas estenden a celebración e o sábado 13 de xaneiro tamén se celebrarán diversas actividades. A Biblioteca Miguel González Garcés ten axendado o contacontos Cabicivai: os contos de Pablísimo ás 12,00 horas e para público infantil. Así mesmo, a Biblioteca Ánxel Casal organiza o contacontos A caixa de Pandora, con maxia da man do Mago Toño, con entrada libre ata completar aforo para cativos de 3 a 8 anos. Finalmente, a Biblioteca Juan Compañel programa outro contacontos ás 12,00 horas: Iván Davila achega a historia Animais artistas e outras cousiñas, para nenos de máis de 4 anos con inscrición previa.