Nova: Román Rodríguez comparte con Leilía a xornada de despedida dos escenarios do grupo de pandereteiras
13/01/2024
Román Rodríguez comparte con Leilía a xornada de despedida dos escenarios do grupo de pandereteiras
O conselleiro Cultura, Educación, FP e Universidades visita no Auditorio de Galicia os ensaios do derradeiro concerto da formación, que terá lugar esta noite
Tras 34 anos en escena, as cantareiras culminan hoxe a súa traxectoria conxunta co remate da xira Anque me vou, non me vou, levada a cabo co apoio da Xunta
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2024
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, compartiu hoxe coas seis cantareiras do grupo Leilía o seu último ensaio cara ao concerto de despedida co que culminarán máis de tres décadas como pioneiras en recuperar e interpretar a música tradicional galega baseada na voz e na pandeireta. Este derradeiro recital, que terá lugar a partir das 20,30 horas no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela co apoio da Xunta, chega ao espazo compostelán con gran expectación e co total de entradas esgotadas ás poucas horas de ser postas á venda.
Con 34 anos de carreira, seis discos publicados, numerosos recoñecementos e milleiros de quilómetros percorridos polos escenarios galegos e de fóra de Galicia, Leilía forma parte xa do imaxinario colectivo galego como referente na difusión da nosa música tradicional e do papel das mulleres na conservación e transmisión deste legado, como así lles recoñeceu o titular de Cultura da Xunta de Galicia na visita aos ensaios.
O conselleiro aproveitou tamén a ocasión para agradecerlles o traballo realizado desde a fundación do grupo nos anos 80 e desexoulles todos os éxitos nos seus vindeiros proxectos vitais e profesionais.
Xira de despedida
O Goberno galego, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, patrocinou a serie de catro recitais finais da formación de pandereteiras, que as levou nas últimas semanas a despedirse do público desde cadansúa actuación da xira titulada Anque me vou, non me vou. O Teatro Jofre de Ferrol o pasado 26 de novembro, o Pazo da Cultura de Pontevedra no marco de Culturgal o 2 de decembro, e o Teatro Colón da Coruña o 7 de xaneiro foron as citas que precederon á de hoxe.
Nelas, o grupo integrado por Felisa e Patricia Segade, Montse Rivera, e Mercedes, Ana e Rosario Rodríguez, veu interpretando algúns dos seus temas máis emblemáticos xunto aos incluídos do seu último disco, Vidas cantadas, que veu a luz en 2923.