Nova: Arranca a segunda edición da aceleradora musical da Xunta para impulsar as carreiras de 12 novos talentos

14/01/2024

Arranca a segunda edición da aceleradora musical da Xunta para impulsar as carreiras de 12 novos talentos

A Cidade da Cultura de Galicia acolleu a primeira sesión formativa desta nova xeira do programa, que conta coa Fundación Paideia Galiza como entidade colaboradora

Abril, Amoebo, Candela Liste, Catuxa Salom, Eris Mackenzie, Filloas, French Riviera, Futuro Alcalde, Habló Pablo, Javier Lago, Marián e Verter GZ son os 12 artistas e grupos seleccionados

 

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2024

A Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, foi o escenario do inicio da actividade da segunda edición de Sonemerxente, a aceleradora musical a través da que a Xunta busca impulsar o despegue de carreiras de novos talentos con especial potencial de proxección. Abril, Amoebo, Candela Liste, Catuxa Salom, Eris Mackenzie, Filloas, French Riviera, Futuro Alcalde, Habló Pablo, Javier Lago, Marián e Verter GZ son os 12 proxectos seleccionados para esta nova xeira da iniciativa, xestionada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades coa colaboración da Fundación Paideia Galiza.

Os seus integrantes déronse cita no Gaiás para participar na primeira sesión formativa conxunta, centrada na autoavaliación das fortalezas e da capacidade de mellora das súas respectivas propostas. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e mais o vicepresidente de Paideia, Guillermo Vergara, foron os encargados de darlles a benvida e felicitalos por entrar a formar parte deste programa de aceleración, para o que foron seleccionados entre unha trintena de propostas recibidas.

Equipo docente de primeiro nivel

O representante da Xunta de Galicia animounos, así mesmo, a sacar o máximo proveito das ferramentas que o equipo docente, integrado por profesionais de primeiro nivel, porá á súa disposición para lograr un salto cualitativo nas súas traxectorias, así como para facilitar o seu acceso ao mercado musical e ao financiamento.

En concreto, esta primeira xornada de traballo estivo impartida pola socióloga e facilitadora Susana García Artés, xunto á que os participantes levaron a cabo unha análise sobre os aspectos máis ou menos positivos do seu proxecto, identificando áreas específicas que requiren maior orientación e apoio para estimular o seu desenvolvemento.

Esta nova entrega de Sonemerxente, dotada con 240.000 euros e coa contribución ao seu financiamento dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea, seguirá a estrutura de desenvolvemento en dúas fases que xa se levou a cabo a edición de 2023.

A primeira delas consiste nunha serie de consultarías individualizadas e grupais, tanto presenciais como telemáticas, que inclúen diferentes accións de mentorización co foco posto na proposta artística, produción, promoción, comercialización e modelo de negocio. En concreto, o programa de formación grupal articularase arredor do discurso como elemento esencial para a conexión co público, a posta en escena, a produción de temas musicais e de videoclips, a estratexia no negocio da música en directo e o benestar emocional dos artistas.

A segunda fase dedicarase á promoción e difusión dos proxectos a través da súa participación en circuítos de concertos, festivais e mercados profesionais, dentro e fóra de Galicia, ademais de nun evento final de presentación das propostas.

Comparte