Nova: A Xunta lanzará unha terceira ruta da Furgoteca para este 2024 na provincia de Ourense
15/01/2024
A Xunta lanzará unha terceira ruta da Furgoteca para este 2024 na provincia de Ourense
Tras rematar o primeiro ano con máis de 11.000 préstamos, a Consellería de Cultura traballa para ampliar o servizo en coordinación con 10 novos concellos
Ourense, 15 de xaneiro de 2024
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, mantivo un unha reunión de traballo con alcaldes e representantes dos 10 novos concellos da provincia de Ourense que se propoñen para incorporar a unha terceira ruta de A Furgoteca, a que se porá en marcha este mesmo ano. “Tras o primeiro ano da biblioteca móbil e os seus bos resultados, queremos continuar ampliando o servizo para chegar ao maior número posible de concellos rurais”, anotou Anxo M. Lorenzo.
Tras o éxito das dúas primeiras rutas que percorreron 20 concellos das provincias de Lugo e Ourense o pasado 2023 con máis de 11.000 préstamos, a Xunta de Galicia incorporará unha terceira ruta para continuar ofertando este servizo, en coordinación cos concellos participantes. Esta terceira biblioteca móbil pretende levar libros e cultura aos municipios de Lobeira, Muíños, Padrenda, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus e Verea.
O servizo de A Furgoteca comezou en marzo de 2023 a percorrer os concellos lucenses de Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela, así como ás localidades ourensáns de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, Oímbra, Trasmiras e Vilardevós, acadando un total de 11.665 préstamos, 12.050 visitas, 300 actividades e 5.483 asistentes ás actividades.
Con esta nova ruta de A Furgoteca, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades quere seguir contribuíndo a garantir o acceso á cultura a todos os galegos sexa cal sexa o territorio no que viven, en liña coa futura Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, chegando aos concellos rurais nos que non existe servizo de bibliotecas e dando, así, “resposta ás necesidades da poboación para que vivan en igualdade de condicións”, concluíu o director xeral de Cultura.