Nova: A Xunta homenaxeará a figura de Chichi Campos polo Día da Ilustración con exposicións, documentais e obradoiros para todos os públicos
18/01/2024
A Xunta homenaxeará a figura de Chichi Campos polo Día da Ilustración con exposicións, documentais e obradoiros para todos os públicos
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presenta a programación xunto coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración
A Biblioteca de Galicia fará un repaso da vida do homenaxeado coa mostra bibliográfica ‘Xesús Chichi Campos: o humor de trazo elegante’
O seu fillo, Nico Campos, presentará o documental ‘Chichi Campos e mais eu’ nas bibliotecas galegas
Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2024
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na presentación da programación do Día da Ilustración, que se celebrará o 30 de xaneiro e homenaxeará este ano ao artista Chichi Campos. “Bibliotecas e escolas de Arte Superior xa teñen programadas numerosas actividades para conmemorar este día e ao seu homenaxeado”, dixo Anxo M. Lorenzo, xunto á presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), Laura Romero, e o fillo do homenaxeado, Nico Campos.
Ademais do cartel representativo da artista Rebeca Varela, coñecida como Perdivel, a Xunta de Galicia e AGPI teñen todo preparado para as actividades, na que destaca a mostra bibliográfica Xesús Chichi Campos: o humor de trazo elegante na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura. Estará dispoñible do 30 de xaneiro ao 12 de maio e nela participan artistas como Leandro Barea, Iván Mourente e Idoia de Luxán, entre outros. Tamén cabe salientar a proxección do documental Chichi Campos e mais eu, realizado polo seu fillo Nico Campos. Proxectarase o día 30, ás 18,00 horas, nas bibliotecas da Xunta na Coruña e Pontevedra; os días 29 e 30, ás 18,00 horas, na Biblioteca Juan Compañel de Vigo, e o 2 de febreiro, ás 19,00 horas, na Biblioteca de Galicia.
Con esta serie de iniciativas, a Xunta de Galicia quere render unha homenaxe a Xesús Campos Álvarez, coñecido como Chichi Campos, “un home que fixo moitas cousas en apenas 39 anos de vida”, anotou Anxo M. Lorenzo. “Ademais de home político e pai de familia, foi debuxante, humorista, columnista e guionista, un artista cunha personalidade moi marcada que xa é unha das testemuñas máis lúcidas dos anos da Transición en Galicia”, concluíu.
Actividades polas cidades
A programación das bibliotecas da Xunta completarase con obradoiros, contacontos e exposicións. A Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña ten programado o obradoiro Historias sen palabras para nenos de 6 a 12 anos o 27 de xaneiro ás 12,00 horas e unha mostra bibliográfica sobre o autor homenaxeado este 2024, que estará dispoñible do 31 de xaneiro ao 13 de febreiro.
A Biblioteca Pública de Lugo organiza o obradoiro Historias sen palabras para a cativada coa ilustradora Noemí López o 26 de xaneiro, mentres que A Furgoteca, o servizo de bibliotecas móbiles da Xunta, acollerá a presentación do libro Pedro, o piloto de gaivotas, que se completará cun obradoiro no Colexio CEIP de Samos o 30 de xaneiro ás 11,50 horas.
En Ourense, a Biblioteca Pública Nós disporá dun espazo como centro de interese para coñecer a figura de Chichi Campos ata o 15 de febreiro, acompañado da mostra de libros Ilústrate. O día 27, ás 10,00 horas, está programado un taller de ilustración con Xosé Poldras para maiores de 14 anos, mentes que ás 12,00 horas se celebrará o obradoiro Xogamos entre as ilustracións con Sabela Gago para a cativada. O 3 de febreiro, ás 12,00 horas, realizarase un taller de pintura infantil. Ademais, A Furgoteca organiza un foro sobre a figura de Castelao como ilustrador hoxe na residencia de Vilardevós.
Pola súa parte, a Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra organiza un obradoiro de ilustración e lettering para nenos de 8 a 12 anos mañá, ás 17,00 horas; o contacontos Ilustrar sen dono o día 26 ás 18,00 horas para os máis pequenos da casa, e visitas escolares programadas cun obradoiro de ilustración para coñecer a biblioteca ata o 31 de xaneiro.
Na Cidade da Cultura, a Biblioteca de Galicia tamén organiza o obradoiro Retrato creativo de Chichi Campos o 27 de xaneiro, ás 17,00 horas, mentres que a Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago ten programado un contacontos ilustrado para a cativada o día 27, ás 12,00 horas e disporá dunha mostra bibliográfica sobre Chichi Campos do 22 de xaneiro ao 29 de febreiro.
Para rematar, a Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo realizará o contacontos Ilustrar sen dono o día 30 ás 18,30 horas e un obradoiro de banda deseñada o 27 de xaneiro ás 12,30 horas, ambas actividades para público infantil. Así mesmo, disporán de dúas exposicións: Chichi Campos: elegante can sen dono e Novas ilustradoras galegas.
As actividades nas escolas artísticas
A conmemoración do Día da Ilustración completarase con variadas citas nas escolas de Arte Superior de Deseño da Xunta. A Pablo Picasso da Coruña organiza o obradoiro O libro obxecto: cando todo conta da man de Nuria Díaz o 1 de febreiro; a Ramón Falcón de Lugo opta polo taller Autoedición e autoxestión da túa obra con Bernal Prieto o día 30, e a Antonio Faílde de Ourense organiza un taller de ilustración e animación para redes sociais con Carmen Pintos e o coloquio Chichi Campos e a importancia da autoedición durante o franquismo da man de Nico Campos o 30 de xaneiro.