Nova: Estrea en Galicia de Pangeia, tras o seu éxito no Brasil e Portugal
14/04/2015
Estrea en Galicia de Pangeia, tras o seu éxito no Brasil e Portugal
Sete actores, bailaríns e músicos poñen en escena esta produción internacional que, tras o éxito obtido nas súas presentacións en Brasil e Portugal, poderá verse no Salón Teatro de Santiago desde mañá e ata o vindeiro domingo 19
A Asociación de Produtores de Pernambuco, o Festival Janeiro de Grandes Espectáculos de Recife e o Teatro da Malaposta de Lisboa implicáronse tamén nesta montaxe, que afonda nos camiños culturais comúns para cuestionar os estereotipos
Santiago, 14 de abril de 2015.- Galicia, Brasil e Portugal unen camiños escénicos en 'Pangeia', produción internacional liderada pola compañía galega Limiar Teatro e a brasileira Acaso Dança, que se representará a partir de mañá día 15 no Salón Teatro de Santiago. O Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora na estrea galega desta montaxe multidisciplinar, que chega a Compostela tras o éxito obtido en Portugal e Brasil, países onde contou co apoio do Centro Cultural Malaposta de Lisboa, o Festival Janeiro de Grandes Espectáculos de Recife e a Asociación de Produtores de Pernambuco.
Sobre o escenario, sete artistas –catro galegos e tres brasileiras– fusionan teatro, danza, música e mesmo cociña nunha ambiciosa proposta, tanto desde o punto de vista creativo como loxístico, que poderá verse na sede do CDG ata o vindeiro día 19, con cinco funcións para público xeral (de mércores a sábado, ás 20.30 horas, e o domingo, ás 18.00 h) e tres pases matinais concertados con diferentes centros educativos.
Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, e Manuel Guede Oliva, director do Centro Dramático Galego, acompañaron hoxe a Fran Núñez e Bárbara Aguiar -fundadores e directores de Limiar Teatro e Acaso Dança, respectivamente- na presentación do seu espectáculo. Ambos asinan conxuntamente a dirección e a dramaturxia, ademais de formar parte do elenco interpretativo xunto aos galegos Coco Castro, Manuel Polo e Hugo Rodríguez, e ás brasileiras Ana Catarina Maia e Karol Nurza.
A lusofonía como marco
Segundo explicou o secretario xeral de Cultura, a colaboración do Centro Dramático Galego nesta produción enmárcase no plan de traballo que a compañía institucional galega vén mantendo nos últimos anos con diferentes estruturas teatrais públicas e privadas do ámbito lusófono. Nesta mesma liña de actuación, insírese a parcería co Teatro Nacional D. María II de Lisboa para o intercambio de autores claves das dramaturxias de ambas as beiras do Miño, a presenza no Salón Teatro de formacións como Teatro Bruto do Porto, as compañías de Braga e Almada e a plataforma PELE, ou a participación do CDG no ‘Proxecto Nós Territorio (ES)Cénico Portugal-Galicia’.
Xunto co teatro, a danza e a música, en 'Pangeia' mestúranse diferentes acentos e idiomas para afondar nos camiños culturais que unen Galicia, Portugal e Brasil, interpelando ao espectador sobre temas universais e botando man de metáforas visuais como a maleta, o pan ou a coroza, co obxectivo último de desmontar os estereotipos. O propio título do espectáculo, tomado do supercontinente único que existiu hai máis de 250 millóns de anos e cuxa fragmentación deu orixe á deriva e división continental, preséntase igualmente como metáfora, neste caso da deriva cultural no mundo globalizado.
En canto á posta en escena, a súa composición en pequenas escenas ligadas entre si dá forma a unha estrutura circular, de xeito que a peza comeza e remata no mesmo punto. Os seus sete intérpretes encárganse tamén de crear e manipular a luz e o son do espectáculo, nun xogo de retroalimentacións sonoras e persecucións lumínicas integradas nos ambientes deseñados por Coco Castro e Fran Núñez. A composición musical corre a cargo de José Carlos Illanes, quen exerce así mesmo de director musical, xestual e asistente de dirección escénica, mentres que Nuria Gullón asina a dirección vocal.
Residencias artísticas
Do mesmo xeito que Limiar e Acaso estreitaron lazos creativos a partir dunha estadía artística que compartiron en Portugal, o seu proxecto conxunto fraguouse ao longo das súas residencias no programa Gerarte de Viana do Castelo, na Casa Colorida de Nigrán e no Centro Nautilus de Vigo. Contaron, ademais, co apoio do Concello de Gondomar.
Tras a súa exhibición no Salón Teatro, 'Pangeia' desenvolverá unha xira por Galicia e Portugal, na que destaca a súa participación na Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu) de Ourense, onde se exhibirá o día 22, así como na próxima Bienal de Culturas Lusófonas de Lisboa.
Venda de entradas
As entradas para as súas cinco funcións xerais en Santiago están xa á venda no web entradas.abanca.com e no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto desde hoxe e ata o sábado de 18.00 a 21.00 horas. No Salón Teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do inicio de cada representación.
O espectáculo tamén forma parte da oferta do Bono de Teatro Galego (e Portugués), promovido conxuntamente polo Concello de Santiago de Compostela e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O prezo deste bono, que pode mercarse nos devanditos despachos de billetes, é de 35 euros para un total de 5 funcións a elixir entre todas as desenvolvidas en 2015 no marco deste programa promocional.