Nova: A Xunta asina acordos con Museos Nacionais de Suecia, Dinamarca, Francia e España para organizar no Gaiás unha grande exposición sobre a cultura viquinga

30/01/2024

A Xunta asina acordos con Museos Nacionais de Suecia, Dinamarca, Francia e España para organizar no Gaiás unha grande exposición sobre a cultura viquinga

‘Unha vida viquinga’ proponse superar unha visión diferente deste pobo tratando cuestións como a presenza da muller nas campañas militares ou nas viaxes exploratorias

A proposta está comisariada por Irene García Losquiño, investigadora de referencia neste eido, e contará co apoio dun comité de expertos nacionais e internacionais

Román Rodríguez adianta que o proxecto, previsto para xullo, tamén explorará a relación da cultura viquinga coa historia de Galicia

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia vén de pechar acordos de colaboración con Museos Nacionais de Historia e Arqueoloxía de Suecia, Dinamarca, Francia e España para a organización da mostra internacional Unha vida viquinga, que exhibirá no Museo Centro Gaiás máis dun centenar de pezas vencelladas coa cultura viquinga, a meirande parte nunca antes amosadas en España.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e a comisaria da mostra, a doutora en Estudos Escandinavos e especialista de referencia na Idade Viquinga, Irene García Losquiño, avanzaron hoxe na Cidade da Cultura as liñas mestras dun ambicioso proxecto que se realiza da man de institucións como o Museo Nacional de Historia de Suecia e o Museo Nacional de Dinamarca —ambos con coleccións de referencia da Idade Viquinga—, os Museos Arqueolóxicos Nacionais de Francia e España ou a Biblioteca Nacional de España, entre outros.

O titular de Cultura do Goberno remarcou que, ademais de ser unha das exposicións máis completas e detalladas sobre a cultura viquinga organizadas ata o momento en España, “esta é unha mostra que fala tanto da forxa da identidade galega como do espírito europeo, e que reflicte como esta civilización se espallou polo continente e deixou a súa pegada en Galicia, deixando vestixios no noso patrimonio material e inmaterial, especialmente en zonas como a ría de Arousa ou a ribeira do Ulla”.

Un enfoque novidoso

Pola súa banda, a comisaria da mostra, Irene García Losquiño, explicou que o discurso expositivo de Unha vida viquinga “pretende ir máis alá dos estereotipos do imaxinario popular sobre este pobo, amosando o seu día a día e, dentro dun modelo de presentación da historia diferente, achegándose á vida tanto de homes como de mulleres, e destacando facetas como a participación de muller en campañas guerreiras e de exploración e tamén a organización da vida diaria”.

Especialistas nacionais e internacionais

O conselleiro de Cultura quixo agradecer o “esforzo colectivo” das entidades prestadoras de obra, os equipos da Cidade da Cultura de Galicia, a comisaria da exposición e tamén o comité científico asesor da mesma, ao que se referiu como un “equipo de prestixiosos especialistas de primeiro nivel no estudo da Idade Viquinga e a súa historia, as súas manifestacións artísticas ou a súa pegada na cultura popular”.

Entre eles, atópanse nomes como os do catedrático de Arqueoloxía da Universidade de Uppsala, Neil Price; a investigadora do Museo Nacional de Historia de Suecia Charlotte Hendenstierna-Jonson ou a catedrática de Arqueoloxía Medieval da University of Highlands and Islands, Alexandra Sanmark. Inclúense tamén destacados expertos de Galicia, como a investigadora especialista en Historia da Arte Medieval na USC Rosa María Rodríguez Porto, o profesor de Arqueoloxía da mesma universidade José Carlos Sánchez Pardo ou o xornalista e divulgador cultural Manuel Gago, que participaron esta mañá no acto de presentación.

Unha vida viquinga poderá visitarse, con entrada libre e de balde, entre xullo de 2024 e xaneiro de 2025 no Museo Centro Gaiás. Tamén no derradeiro trimestre do ano chegará ao Museo do Mar de Galicia en Vigo outro proxecto expositivo centrado na cultura viquinga, no que destacados nomes da fotografía poñerán o foco sobre lugares, paisaxes e arquitecturas vencellados coas lendas viquingas en Galicia.

Comisaria

Doutora en Estudos Escandinavos e Máster en Estudos Medievais pola Universidade de Aberdeen, Irene García Losquiño (Elche, 1984) é investigadora e especialista na Idade Viquinga e liderou proxectos sobre a presenza desta cultura na Península Ibérica. Foi profesora de universidade e investigadora en institucións españolas, suecas, americanas e escocesas e o seu traballo foi recoñecido con premios da Real Academia Gustavus Adolphus de Suecia. Participou no documental Real Vikings —da produtora do exitoso drama televisivo Vikings—.

 

Comparte