Nova: O audiovisual galego entrega os seus premios Mestre Mateo o 23 de marzo na Coruña co apoio da Xunta
30/01/2024
O audiovisual galego entrega os seus premios Mestre Mateo o 23 de marzo na Coruña co apoio da Xunta
A Academia Galega do Audiovisual organiza a 22ª edición desta convocatoria, á que concorren 173 producións e 493 profesionais
O Coliseum coruñés acollerá por vez primeira este evento, que será o máis multitudinario na historia dos galardóns cunha previsión de máis de 2.000 asistentes
A Coruña, 30 de xaneiro de 2024
A sede da Filmoteca de Galicia na Coruña acolleu esta mañá a presentación da 22ª edición dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego, na que se deu a coñecer tanto a imaxe gráfica como algúns dos principais detalles da gala de entrega que se celebrará o sábado 23 de marzo no Coliseum coruñés. A Xunta volve apoiar economicamente a Academia Galega do Audiovisual na organización e difusión dos seus galardóns, aos que este ano concorren 173 producións e 493 profesionais do sector.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou neste acto xunto ao presidente da Academia, Álvaro Pérez Becerra, os representantes do resto das entidades colaboradoras e os intérpretes Lidia Veiga e Miguel Canalejo, encargados de conducir a gala que dirixirá a dramaturga Noemi Rodríguez.
Na súa intervención, Sutil enmarcou o apoio do Goberno galego a esta convocatoria anual no convencemento de que “o incentivo e o estímulo profesional contribúen a un mellor desenvolvemento da creatividade e a unha maior visibilidade dos nosos filmes, dos seus artífices e dos seus protagonistas”.
Unha das citas culturais do ano
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades lembrou que, ademais deste proceso para o recoñecemento dos proxectos máis destacados do panorama audiovisual galego no último ano e das actividades que se organizan en paralelo aos premios, o evento de entrega “resulta ser unha das citas culturais do ano en si mesma”. “A súa coidada produción contribúe como ningunha outra iniciativa a prestixiar o noso cinema e a fomentar este sentido de pertenza para lle facer partícipe a toda a sociedade desa imaxe tan brillante proxectada polo noso audiovisual”, continuou.
Segundo anunciou a Academia Galega do Audiovisual, a gala deste ano será ademais a máis multitudinaria na historia dos Mestre Mateo. Con tal fin, o escenario escollido é o Coliseum da Coruña, que albergará por vez primeira este evento, cunha previsión de asistencia de máis de 2.000 persoas.
No transcurso deste acto tamén foron presentados o cartel da vixésimo segunda edición dos premios, inspirado na estética vapor wave, e o lema deste ano: Hai alguén aí? Si?, Non? Si?, mítica frase coa que arrancaba o coñecido programa Xabarín Club, da TVG. Nesta mesma liña, a temática da gala vai estar relacionada coa televisión dos anos 90, de xeito que se fará fincapé no positivo percorrido descrito desde entón polo audiovisual galego.