Nova: Comeza en Pontevedra a primeira das doce citas coas Feiras do Libro de Galicia

14/04/2015

Comeza en Pontevedra a primeira das doce citas coas Feiras do Libro de Galicia

Presentación de novidades, contacontos, recitais de poesía e maxia, entre as moitas actividades que se desenvolven na Cidade do Lérez ata o 19 de abril

Pontevedra, 14 de abril de 2015.- Abriuse hoxe a Feira do Libro de Pontevedra, a primeira do calendario de doce citas que este ano organizan en colaboración o departamento de Cultura da Xunta e a Federación de Librarías de Galicia. O evento constitúe unha oportunidade para o impulso do sector nun ambiente no que os autores e libreiros poden interactuar directamente cos lectores e clientes, así como o contexto ideal para que a cidadanía se achegue aos libros

O conselleiro de Cultlura, Román Rodríguez, participou nesta apertura e, na súa intervención, lembrou a figura de Xosé Filgueira Valverde e agradeceu a presenza do seu fillo no acto de apertura deste evento. De feito, este ano as Feiras do Libro de Galicia celébranse baixo o lema ‘A historia en letras’ en recordo e homenaxe do pontevedrés, ao que este ano se lle dedica o 17 de maio. Asemade salientou a gran tradición intelectual e cultural da cidade do Lérez, na que tomaron impulso persoeiros da nosa escrita e da nosa sociedade tan importantes como Valle- Inclá, Antonio Odriozola, Sánchez Cantón ou o propio Filgueira.

No acto de apertura, celebrado no Paseo de Odriozola da cidade do Lérez, participaron tamén o delegado da Xunta na provincia, José Manuel Cores Tourís; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e a presidenta da Federación de Librarías, Pilar Rodríguez.

Amplo calendario de actividades
Desde hoxe ata o vindeiro día 19 as cidadás e cidadáns poderán gozar da ampla oferta de actividades que contempla a programación da Feira do Libro de Pontevedra, que inclúe a presentación de novidades editoriais, contacontos, obradoiros de ilustración, de maxia e de linguaxe de signos, recitais poéticos e sinatura de libros con diferentes autoras e autores. Coincidindo co ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas a Filgueira Valverde, a feira acollerá tamén a proxección do documental de Gonzalo Veloso ‘Contextualizando a Filgueira Valverde’, sobre o escritor, historiador e profesor.

Ademais, e como xa vén sendo habitual, a feira contará coa participación da Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, que dará a coñecer a súa colección a través dunha mostra de materiais nos diferentes formatos e para todas as idades, así como os servizos que ten ao dispor da cidadanía, ademais de lles ofrecer aos visitantes a posibilidade de facerse socio da biblioteca na mesma feira. A súa presenza no evento completarase coa realización de actividades para alumnado de infantil dos CEIP Manuel Vidal Portela e Froebel no marco do seu programa de formación de usuarios e animación á lectura para centros escolares, así como cun contacontos e un obradoiro de ilustración a cargo de Polo Correo do Vento, o venres 17 ás 17.30 horas.

Tamén no apartado de actividades para os máis novos, a feira ofrecerá o día 15, ás 18 horas, un contacontos para os máis pequenos baseado nos libros de Nova Galicia Edicións, a cargo de Miguel Ángel Alonso. Os contacontos tamén chegarán da man da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia o venres 17 ás 18:30 horas e mais de Fátima Fernández, coa actividade ‘Contos susurrados’, o domingo 19 ás 18 horas.

Presentacións e sinatura de libros
O público que visite a feira, en horario de 11 a 14 e de 17 a 21 horas, terá ocasión de se achegar ás novidades editoriais a través dos seus autores. A escritora e académica Fina Casalderrey asinará exemplares dos seus libros o 15 de abril ás 18:45 horas, logo dunha lectura pública baseada na súa obra. A continuación, o escritor Manuel Portas presentará o seu libro ‘Amor en alpargatas’, publicado por Edicións Xerais. O xoves 16, ás 20 horas, Elena Gallego tamén presentará o seu libro ‘Dragal IV. A estirpe do Dragón’, publicado por Xerais, e o venres 17, á mesma hora, será a quenda de María López Sández, co libro ‘O faro escuro’, de Galaxia.

Durante a fin de semana, a feira contará coas presentacións de ‘Historia de Galicia’ (Editorial Cumio, de David Pérez, o sábado 18 ás 18 horas, e, ás 19 horas, ‘Os ratos da casa’ (Kalandraka), con texto de Xosé Manuel González ‘Oli’ e ilustracións de Natalia Colombo. O domingo, ás 19 horas, a feira pechará a súa programación coa presentación do libro ‘Los manuscritos de París’ (Editorial Tauro), ´de Juan Pablo Rodríguez.

Ademais, asinarán exemplares das súas últimas obras os escritores Manuel Lorenzo González, o xoves 16 ás 19 horas; Xesús Constela, o venres 17 ás 19 horas; Pablo Núñez, o sábado ás 18, 19 e 20 horas; e, tamén o sábado, Sonia Mirón e Mariano Fisac, ás 12:30 e ás 19 horas, respectivamente.

A programación da feira, que contará coa participación das librerías Paz, Seijas, Cartabón, Pedreira, D – Lectum e Clip, xunto con A Serpe Edicións e a Deputación Provincial de Pontevedra, completarase cun obradoiro de elaboración de gominolas naturais realizado por Carmen Freire o xoves 16 ás 18 horas; co obradoiro de maxia ‘Ti es o mago’, realizado por Rivel Animación o sábado 18 ás 12 horas; e cun recital poético-narrativo a cargo de Teresa Cameselle, LydiaLeyte, María Lado e Mariña Pérez Rei.

Percorrido das feiras
A feira pontevedresa instalouse na praza da Ferrería, onde permanecerá ata o 19 de abril. Logo do seu paso por Pontevedra, as feiras realizarán a seguinte parada, entre os días 22 e o 26 de abril, na cidade de Ferrol. O 1 de maio será a quenda de Santiago de Compostela, onde permanecerán ata o día 10 dese mes. Tamén nos mes das letras, do día 12 ao 17, as feiras chegarán ata Lugo, para, a continuación, viaxar a Ourense do 2 ao 7 de xuño.

Xa no verán, a primeira cita será a da cidade de Vigo, do 3 ao 12 de xullo, para despois continuar nese mesmo mes por Ribeira, do 16 ao 19, e mais por Rianxo, do 23 ao 26. No mes de agosto regresará a feira do libro da Coruña, que se celebrará do día 1 ao 10. A continuación, a provincia lucense acollerá as tres últimas citas deste ano, nos concellos de Viveiro, do 13 ao 16; de Foz, do 20 ao 23; e, finalmente, de Monforte de Lemos, onde terá lugar do día 26 ao 29.

Comparte