Nova: A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece 11 novas funcións de teatro e danza en Santiago de Compostela co apoio da Xunta

31/01/2024

A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece 11 novas funcións de teatro e danza en Santiago de Compostela co apoio da Xunta

A carteleira, cofinanciada co Concello, iníciase esta fin de semana no Teatro Principal con dous pases de ‘As alumnas’, adaptación da compañía Culturactiva do texto de Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023

O circuíto cultural impulsado pola Xunta e 41 entidades locais promove ata xuño 351 funcións de teatro, danza, música e novo circo en espazos das catro provincias

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2024

A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofreceralle ao público compostelán 11 funcións de artes escénicas na capital galega durante o primeiro semestre do ano. O circuíto autonómico cofinanciado pola Xunta e as 41 entidades municipais adheridas promove ata o mes de xuño máis de 350 espectáculos de artes escénicas e musicais en espazos de toda Galicia. No caso de Santiago de Compostela, a carteleira da Rede inclúe nove pases de cinco propostas de teatro e dous de danza nunha programación que abre esta fin de semana o espectáculo As alumnas.

A adaptación realizada por Culturactiva sobre o texto de Paula Carballeira galardoado en 2023 co Premio Nacional de Literatura Dramática poderá verse o venres 2 e o sábado 3 de febreiro no Teatro Principal da cidade. A peza conta tamén co Premio Follas Novas 2023 a mellor libro de teatro e co Premio Luisa Villalta a proxectos pola igualdade. Baixo a dirección de Fina Calleja, Anabell Gago e Mónica Camaño. A peza aborda a figura da pedagoga galega María Barbeito e o seu papel na educación na época franquista.

O mesmo escenario da rúa Nova acollerá a axenda teatral dos seguintes meses. En marzo chegará o espectáculo Deadpan Karaoke, de Ibuprofeno Teatro, que se exhibirá en dúas funcións programadas os días 7 e 8 ás 20,30 horas. Séguelle, xa no mes de abril, 1888. A señorita Xulia, adaptación galega do texto do dramaturgo sueco August Strindberg, onde a compañía Estudo Momento reformula a polémica historia nunha función que terá lugar o 19 de abril. A seguinte fin de semana, os días 26 e 27 de abril, o público poderá asistir a dúas representacións de Entrega en man, o último espectáculo de Contraproducións presentado en formato pitching na pasada edición da feira de artes escénicas Galicia Escena PRO.

Arredor do Día da Danza

Ao abeiro das celebracións do Día Internacional da Danza, a carteleira compostelá achegaralle ao público dúas propostas de artes do movemento. A primeira delas será Berro, a peza de celebración do vixésimo aniversario de Nova Galega de Danza, dirixida polo afamado coreógrafo Sharon Fridman. A función terá lugar no Auditorio de Galicia o 28 de abril ás 20,30 horas. Uns días máis tarde, o 3 de maio, o bailarín e coreógrafo Javier Martín presentará no Teatro Principal a súa peza O punto impropio.

Pecharán á proposta escénica da Rede na capital galega dúas funcións de Made in Galiza, con dramaturxia adaptada da peza homónima de Sechu Sende asinada pola compañía ourensá Sarabela Teatro, que terán lugar o 16 e 17 de maio, tamén no Principal.

Máis de 130 compañías programadas en toda Galicia

A Rede Galega de Teatros e Auditorios conta para todo o ano 2024 cun orzamento de arredor de dous millóns de euros, destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte.

En concreto, durante estes seis primeiros meses do ano serán máis de 130 as compañías escénicas e grupos musicais que actuarán nesta rede cultural autonómica, xestionada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Os espectáculos teatrais conforman a maior parte desta programación, con máis de 270 funcións en cartel e unha ampla oferta para o público familiar.

 

Comparte