Nova: O Centro Dramático Galego intensifica a súa actividade de creación escénica coa mostra de catro coproducións e a programación do Salón Teatro

01/02/2024

O Centro Dramático Galego intensifica a súa actividade de creación escénica coa mostra de catro coproducións e a programación do Salón Teatro

Coproduce o ciclo ‘Clásicas desfeitas’ na Cidade da Cultura de Galicia coa actualización do Hamlet de Cunqueiro e de textos da mitoloxía feminina grecolatina

Colabora con Chévere para presentar no Salón Teatro a proposta da compañía, ‘Helen Keller, a muller marabilla?’

Levará ao Teatro Principal ‘Manuela Rey Is In Da House’, producida xunto ás principais estruturas de teatro público de Portugal

En abril estreará ‘Os actos e as profecías’, a peza central coa que a unidade teatral da Xunta conmemora o seu 40º aniversario

 

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2024 O Centro Dramático Galego ten programada durante este trimestre unha intensa actividade en Santiago de Compostela, que traspasa as fronteiras da súa sede no Salón Teatro coa mostra de catro coproducións na capital de Galicia e outras actividades de creación e exhibición que culminarán en abril coa estrea de Os actos e as profecías, o espectáculo central que a compañía pública de teatro está a crear para a conmemoración do o seu 40º aniversario.

As tres pezas deseñadas para este ano dentro do ciclo Clásicas desfeitas, que se re representarán na Cidade da Cultura de Galicia a partir de mañá, e a montaxe Manuela Rey Is In Da House, que chegará ao Teatro Principal compostelán en marzo, son as catro propostas nas que o Centro Dramático Galego participa en réxime de coprodución. Ademais, entre outras citas, o Salón Teatro acollerá o XXVIII Festival Internacional de Teatro Universitario da USC, unha residencia artística do Teatr Piba da Bretaña, no marco do proxecto europeo Phōnē, e a estrea de Helen Keller, a muller marabilla?, a nova obra do grupo Chévere, co que a compañía pública colabora de xeito especial para ofrecer unha temporada de funcións para o avance do teatro accesible e inclusivo.

Actualizando os clásicos

Promovido pola Xunta de Galicia a través do Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura, o ciclo Clásicas desfeitas consolídase, logo de catro anos e 11 producións, como unha innovadora aposta de apoio á creación que permite redescubrir obras e autores da literatura galega e universal baixo a ollada da linguaxe escénica contemporánea. Nesta edición, preséntanse tres propostas perfiladas dentro das Residencias Artísticas do Gaiás (REGA). A primeira será Hamlet, o de Cunqueiro, creada polos profesores da Universidade de Vigo Beatriz Legerén e Antonio Pena a partir do texto O incerto señor don Hamlet, de Álvaro Cunqueiro, mesturando a linguaxe escénica e a interactividade propia dos videoxogos para crear unha obra de teatro inmersiva e itinerante na que o público participa directamente no avance da trama. No traballo escénico destaca a colaboración da Cia. Teatral Boccaccione de São Paulo e o grupo teatral galego Marinita y sus Maromas. As funcións serán mañá venres 2 e o sábado 3, ás 18,00 h. e ás 20,00 h.  

Antela Cid e Antón Reixa collerán o relevo do ciclo para traballar como autores, directores e intérpretes totais no seu díptico Míticas pero secundarias, que pechará esta nova edición de Clásicas desfeitas recuperando figuras descoñecidas da literatura grega clásica como protagonistas nun formato que integra o musical e o audiovisual. A infeliz felicidade e o prezo do aceite, de Reixa, e Tres somos ti, de Cid, presentaranse a fin de semana do 23 e o 24 de febreiro ás 20,30 h. As entradas para Clásicas desfeitas están á venda en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.

Escena universitaria no Salón Teatro

O Centro Dramático Galego manterá tamén programación desde o Salón Teatro. Así, do 6 ao 9 de febreiro, a 28ª edición do Festival Internacional de Teatro Universitario da USC abrirá unha fiestra ás creacións teatrais desenvolvidas polas compañías de teatro universitario das contornas galega, estatal e europea. Ademais da Aula de Teatro da USC, de Santiago e de Lugo, nesta edición participan as escolas de teatro da Universidade de Murcia e da Universidade da Beira Interior de Portugal. Todas as funcións  serán ás 21,00 horas, con entrada é de balde previa recollida de localidades no despacho de billetes. Despois de cada función, haberá un encontro coas compañías no ambigú para falar sobre os procesos de creación das pezas.

A escena universitaria compartirá días de ocupación do Salón Teatro cunha residencia artística da compañía bretoa Teatr Piba, dentro do proxecto Phōnē do programa Europa Creativa, no que participa o Centro Dramático Galego baixo o lema Dándolles ás linguas minorizadas unha voz. Esta iniciativa supón a primeira gran colaboración internacional de teatros públicos e privados para promover a diversidade cultural e lingüística de Europa e está a desenvolverá máis de 170 accións culturais vencelladas ao teatro.

O novo de Chévere

A carteleira do Salón Teatro continuará o 15 de febreiro coa estrea de Helen Keller, a muller marabilla?, a nova proposta de Chévere que permanecerá no escenario ata o día 25 do mesmo mes. A peza penetra na personalidade da activista norteamerica Helen Keller, quen chegou a se converter na primeira persoa xordocega en obter un título universitario en 1904 en Harvard e nunha pioneira na loita pola igualdade e a xustiza social. En escena estarán Patricia de Lorenzo, Ángela Ibáñez e Chusa Pérez, baixo a dirección de XRON.

O espectáculo, creado en coprodución co Centro Dramático Nacional e Teatre Lliure e co apoio da Xunta de Galicia a través da liña de subvencións á creación escénica, cuestiona a incomunicación entre persoas oíntes e non oíntes e reivindica a importancia das linguas minorizadas. As funcións integran a lingua de signos e a lingua falada en galego e contan tamén con audiodescrición, en liña cos obxectivos de inclusión que promove o Centro Dramático Galego. As entradas están xa á venda en Ataquilla.

Coprodución co teatro portugués

Xa en marzo, estréase en Galicia Manuela Rey Is In Da House, o espectáculo no que a unidade de produción teatral da Xunta traballou durante o ano pasado xunto ao Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana, o Teatro Nacional D. María II de Lisboa e o Teatro Nacional São João do Porto. O director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, asina a dirección escénica e a dramaturxia desta peza, inspirada na esquecida historia da actriz galega Manuela Rey, quen na segunda metade do século XIX chegou a ser a gran estrela do teatro lisboeta.

A partir de textos de Manuela Rey, Almeida Garret, Eduardo Augusto Vidal, Ernesto Marecos, Paula Ballesteros, Sousa Bastos, Xaquín Núñez Sabarís e do propio elenco galego-portugués que integran Mariana Carballal, Neto Portela, Nuno J. Loureiro, Rafaela Sá, Raquel Crespo, Teresa Vieira e Xosé Lois Romero, téntase reconstruír a memoria arredor da actriz e escritora alcumada a muller lirio, nada nunha aldea de Mondoñedo en 1842 e falecida aos 23 anos na capital lusa. Manuela Rey Is In Da House poderá verse no Teatro Principal de Santiago de Compostela do 14 ao 16 de marzo.

Programación do 40º aniversario

O Centro Dramático Galego comezará coa celebración os seus 40 anos de historia cunha xornada de portas abertas o 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, e a estrea o xoves 11 de abril de Os actos e as profecías, a produción central deste aniversario, baixo a dirección artística de Tamara Canosa, quen asina tamén o texto xunto a Xacio Baño.

A montaxe, que é outra das actividades xestada ao abeiro do proxecto europeo Phōnē, conta cun elenco de 20 intérpretes, un dos máis numerosos dos contratados pola compañía pública galega na súa traxectoria. Ten como fío condutor os chamados talent shows, un dos formatos televisivos de maior éxito nos últimos anos. A partir del, abórdanse temáticas como a competitividade, as expectativas de superación, as presións constantes ou as esixencias impostas para o sacrificio. A peza estará representándose no Salón Teatro ata o 26 de maio.

Comparte