Nova: A Xunta e o concello de Arteixo achéganlle á rapazada a figura de Manuel Murguía co gallo do centenario do seu pasamento
02/02/2024
A Xunta e o concello de Arteixo achéganlle á rapazada a figura de Manuel Murguía co gallo do centenario do seu pasamento
O secretario xeral de Política Lingüística presenta o volume Manuel Murguía. Homenaxe, coordinado por X. Amancio Liñares
O alumnado de Primaria recibirá durante a vindeira semana a visita dun contacontos sobre Murguía e un exemplar dos Bolechas arredor do escritor
Arteixo (A Coruña), 2 de febreiro de 2024 A Xunta de Galicia e o Concello de Arteixo poñen o broche de ouro a un ano de conmemoracións arredor do centenario do pasamento de Manuel Murguía achegándolle á rapazada do municipio a figura do patriarca das Letras Galegas, oriúndo de Arteixo. Fano a través de dúas iniciativas: a presentación do volume Manuel Murguía. Homenaxe, coordinado por X. Amancio Liñares, e a visita dun contacontos escenificado sobre o escritor aos colexios de Primaria.
Na primeira delas participou esta mañá o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que saudou o alumnado de Secundaria e Bacharelato da vila que se reuniu no Centro Cívico Cultural Manuel Murguía. Na súa intervención, animou a mocidade “a coñecer e investigar máis sobre a fascinante figura deste escritor e historiador que foi moito máis que un soporte fundamental na obra de Rosalía de Castro, xa que situou a lingua galega no centro da nosa cultura e da nosa identidade e foi impulsor de iniciativas tan relevantes como a Real Academia Galega, da que foi membro fundador e o primeiro presidente”.
Canda o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades tamén participaron neste acto María Dubra, concelleira de Cultura do Concello de Arteixo; Armando Requeixo, secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e X. Amancio Liñares, responsable da edición.
Homenaxe a Murguía en Bos Aires
Baixo a coordinación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Xunta, este volume conmemora o centenario do falecemento do escritor e polígrafo celebrado o pasado 2023, rescatando e analizando un fragmento do número 246 (xuño de 1933) da revista Galicia do Centro Gallego de Buenos Aires, un monográfico onde se daba conta dos actos organizados pola devandita institución.
O traballo complétase cunha introdución do conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e cuns anexos que reproducen o discurso de Manuel Murguía nos Xogos Florais de Tui (1981); o artigo Manuel Murguía, o gran precursor, de Francisco Fernández del Riego; unha cronobiografía do escritor, realizada por Teresa Monteagudo e Luís Alonso Girgado, e unhas ilustracións murguianas da autoría de Siro López.
Contacontos nos centros de primaria
Doutra banda, o alumnado dos centros de Educación Primaria de Arteixo recibirá, durante a vindeira semana, a visita dun contacontos escenificado por José Losada mediante o cal se lle achegará a relevancia da figura de Murguía para as letras e cultura galegas. Ademais, ao remate de cada pase repartiranse exemplares do libro Os Bolechas. As miñas primeiras Letras Galegas arredor do escritor de Arteixo, a quen se lle dedicou esta festividade no ano 2000.