Nova: A Xunta abre colaboración coa Fira Mediterrània de Manresa para impulsar a proxección exterior da música e da danza de Galicia
08/02/2024
A Xunta abre colaboración coa Fira Mediterrània de Manresa para impulsar a proxección exterior da música e da danza de Galicia
O obxectivo é apoiar as propostas galegas que resulten seleccionadas para participar na edición deste 2024, que terá lugar no mes de outubro e á que se presentaron máis de 30 candidaturas do noso territorio
Na pasada edición da feira estiveron Caamaño&Ameixeiras, Mario G. Cortizo, Fillas de Cassandra, Os do Fondo da Barra, Caldo e Fran Sieira, que conseguiron pechar contratacións en diversas citas culturais de Cataluña e Europa
Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2024
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuniuse co director artístico da Fira Mediterrània de Manresa, Jordi Fosas, co obxectivo de abrir novas vías de colaboración co mercado catalán e incrementar as sinerxías creadas entre os sectores culturais de Galicia e Cataluña coa Fira como evento estratéxico de relevancia para avanzar na proxección exterior da música e a danza de Galicia.
No encontro, no que tamén participou a presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Patricia Hermida, valoráronse os resultados obtidos na pasada edición do evento, no que ofreceron cadanseu showcase musical Caamaño&Ameixeiras, Mario G. Cortizo, Fillas de Cassandra, Os do Fondo da Barra e Caldo, ademais da compañía de danza de Fran Sieira.
Para a Fira de 2024, que terá lugar no mes de outubro, a finalidade é intensificar as accións apoiadas directamente pola Xunta, como foi en 2023 a actuación do grupo Caldo, que acudiu a Manresa no marco dun intercambio artístico co Encontro Profesional de Música MUMi e que contou coa colaboración económica da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
Tras o seu paso por Manresa, as seis propostas galegas conseguiron pechar diferentes contratacións en festivais como Rubrifolkum (Sant Boi de Llobregat), Tradicionàrius (Barcelona), Poesia i més (Caldas d'Estrac), SoNna (Huesca), Festa Major de Olot ou Festival Rerelteló (Porqueres, Girona) ou a feira Classical Next (Berlín) e asentaron canles de relación con entidades tan relevantes como a Fundación La Caixa.
Tamén asistiron á Fira 2023 unha ducia de responsables de festivais e axencias musicais galegas, como PlayPlan, Culturactiva, Urdime, Festiletras, Antonio Prado, SceneOff, Aritmar, Tremendo Audiovisual, MusicArte, Artyc e Luneda. Precisamente, a aposta por apoiar a presenza de programadores galegos no evento é outra das dinámicas que se tiveron en consideración durante a xuntanza de traballo en Santiago de Compostela.
Novos mercados para a industria musical galega
O director de Industrias Culturais da Xunta fixo fincapé nos principais obxectivos que se perseguen coa colaboración coa Fira Mediterrània, a través da que se busca “mellorar o coñecemento da música e da danza de Galicia no ámbito estatal e internacional, así como facilitar a contratación dos nosos artistas máis aló das nosas fronteiras”
Pola súa banda, Jordi Fosas destacou o “gran momento” que está a vivir Galicia no ámbito da creación e da interpretación nos ámbitos da música e das artes do movemento, as dúas disciplinas nas que precisamente se centra o evento que dirixe na localidade barcelonesa.
A feira catalá recibiu máis de 30 propostas de música e danza de Galicia para participar na súa vindeira edición. O número de candidaturas mostra o interese por parte dos artistas galegos en dar a coñecer os seus traballos neste mercado e reforza os resultados da promoción realizada no encontro profesional Focus Galicia que a Xunta de Galicia celebrou o pasado outono, e no que participou activamente o director da Fira Mediterrània de Manresa.