Nova: A cuarta residencia literaria da Cidade da Cultura abre inscricións á procura do novo talento literario de Galicia
20/02/2024
A cuarta residencia literaria da Cidade da Cultura abre inscricións á procura do novo talento literario de Galicia
Ofértanse 10 prazas —oito para menores de 35 anos— para persoas nadas ou residentes en Galicia cun proxecto de novela ou colección de relatos inédito
O prazo de inscrición está aberto ata o 19 de marzo e a residencia desenvolverase na primeira quincena de xullo no Gaiás
Nesta edición será autor convidado o escritor Brais Lamela, participante na residencia de 2022 e gañador do Premio El Ojo Crítico de RNE coa súa primeira novela
Participará tamén a popular escritora en lingua catalá e española Irene Solà, gañadora do Premio de Literatura da Unión Europea en 2020
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2024
A Xunta convoca a escritores inéditos de Galicia a participar na cuarta Residencia Literaria da Cidade da Cultura para dar impulso aos seus proxectos de narrativa. Dirixida polo escritor Javier Peña, a residencia é un espazo de aprendizaxe en común aberto á análise, a crítica e o eloxio no que participarán tamén dúas novas voces destacadas nas letras actuais, a escritora catalá Irene Solà e o galego Brais Lamela.
Logo de tres edicións, a Residencia Literaria consolídase como unha plataforma para o talento que conxuga o traballo individual coa revisión das propostas dos compañeiros. A escoita, a lectura e o diálogo, tamén con outras disciplinas artísticas, son a base dun encontro polo que xa pasaron algúns dos autores que están a despuntar no último ano no panorama literario galego, como Sica Romero (Premio San Clemente de Novela), Fran Fernández Dávila (Premio de Narrativa Breve Repsol) e o propio Brais Lamela (Premio El Ojo Crítico de RNE).
Nesta nova convocatoria ofértanse un total de dez prazas, oito delas reservadas para menores de 35 anos. Poderán presentarse persoas nadas ou residentes en Galicia que queiran desenvolver ou mellorar un proxecto de narrativa, en galego ou castelán.
Novas voces da literatura actual
Canda elas participarán os escritores Brais Lamela e Irene Solà, novas voces destacadas na literatura en lingua galega e catalá. Precisamente Brais Lamela foi un dos seleccionados na segunda edición da residencia, á que regresa como autor convidado. O lugués, actualmente doutorando na Universidade de Yale (Nova York), viu neste tempo publicada a súa primeira novela, Ninguén queda (Editorial Euseino, 2022), traducida tamén ao castelán e ao catalán e pola que recibiu o Premio da Crítica de Narrativa Galega 2022, o Premio El Ojo Crítico de RNE de Narrativa en 2023, ademais de ser nomeado aos premios Nollegiù e Cálamo ao libro do ano.
Irene Solà é autora da popular novela Canto jo i la muntanya balla, traducida ao castelán (Canto yo y la montaña baila. Anagrama, 2019), o inglés, o francés, o alemán e o italiano, entre máis dunha vintena de linguas. Foi a primeira obra en catalán en gañar o Premio de Literatura da Unión Europea en 2020, ademais dos premios Maria Àngels Anglada, Punt de Llibre de Núvol e Cálamo Otra Mirada. O seu libro de poemas Bèstia (Premio de Poesía Amadeu Oller, Galerada, 2012) foi publicado en edición bilingüe castelán-catalán por La Bella Varsovia e tamén traducido ao inglés e ao italiano. A súa primeira novela, Els dics (L'Altra Editorial, 2018), publicada en castelán en Anagrama co título Los diques, gañou o Premio Documenta 2017. Et vaig donar ulls i vas mirar les tenebres (Te di ojos y miraste las tinieblas) é a súa última novela, un relato de historias e personaxes malditos máis alá do tempo que bebe do folclore rexional, o imaxinario e a tradición oral ao redor dos pactos co demo.
Este encontro, que materializa a aposta da Cidade da Cultura polo apoio á creación no campo das letras e da literatura dentro do programa de Residencias Artísticas do Gaiás, contou en edicións anteriores con outras escritoras sobresaíntes das letras galegas e españolas como Berta Dávila, Sara Mesa, Ledicia Costas, Marta Sanz, Brenda Navarro e Marilar Aleixandre.
Inscricións ata 19 de marzo
Na Residencia Literaria teñen cabida novelas de ficción, novelas de non ficción (autoficción) ou coleccións de relatos, ben sexan obras por completar, ben rematadas pero aínda non publicadas. O prazo de inscrición está aberto ata o 19 de marzo de 2024.
As persoas seleccionadas beneficiaranse dun programa intensivo e gratuíto de actividades que decorrerá do 1 ao 13 de xullo na Cidade da Cultura, e que se complementará con visitas a institucións culturais, a participación en eventos ligados ao mundo do libro e á literatura e o intercambio con outras disciplinas artísticas. O aloxamento, almorzos e comidas correrán a cargo da organización.