Nova: A Xunta transmite na conferencia sectorial de cultura a necesidade de apoiar proxectos rurais

22/02/2024

A Xunta transmite na conferencia sectorial de cultura a necesidade de apoiar proxectos rurais

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participan nesta reunión en Asturias

Remarcan a necesidade do Plan de infraestruturas culturais estatal e lamentan que o Goberno central non creara un Perte cultural con fondos europeos

Avilés (Asturias), 22 de febreiro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participaron hoxe na Conferencia Sectorial de Cultura, celebrada en Avilés (Asturias). Nesta reunión, o Goberno galego quixo transmitir, entre outras cuestións, a necesidade de incrementar o apoio aos proxectos rurais, especialmente significativos en Galicia.

 

De feito, avanzaron que a Xunta vai crear unha rede de dinamización cultural no rural co fin de potenciar a súa actividade. “Temos xa en marcha iniciativas para a participación efectiva de toda a cidadanía”, explicou Anxo M. Lorenzo, quen recordou que “o lugar de residencia non debe ser impedimento para o acceso a todo tipo de servizos e recursos”.

 

Isto encádrase na futura Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, a que ten un dobre obxectivo: facilitar o acceso á cultura e a participación de todos os colectivos e fomentar a creación cultural. Entre as medidas máis destacadas desta futura lei atópase a dotación dunha programación de calidade no rural.

 

Ademais, durante a xornada, os representantes da Administración galega tamén puxeron de manifesto a importancia de aprobar un Plan de infraestruturas culturais públicas e privadas, un punto que se incluíu na orde do día por petición da Xunta de Galicia. “Isto debe ser prioridade e debe existir un plan a nivel estatal”, remarcou o director xeral de Cultura.

 

Lei de mecenado

Na cita co novo ministro de Cultura, Ernest Urtasun, tamén se puxo de manifesto a actualización da Lei de mecenado, unha medida que apoia o Goberno galego co fin de revitalizar as industrias culturais e chegar a toda a cidadanía.

 

Os representantes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades aproveitaron a Conferencia Sectorial para lamentar que o Goberno central non puxese en marcha a creación dun Perte cultural para impulsar en Galicia un sector capaz de xerar benestar, tanto no ámbito social como no económico. Así mesmo, reclamouse tamén a convocatoria do Consejo Jacobeo de España e a elaboración dunha nova Lei de patrimonio histórico.

Comparte