Nova: A Xunta reforza os lazos coa lusofonía na X edición do Festival Cultural converxencias Portugal-Galicia

24/02/2024

A Xunta reforza os lazos coa lusofonía na X edición do Festival Cultural converxencias Portugal-Galicia

O secretario xeral de Política Lingüística asiste en Braga ao espectáculo teatral ‘Un músico na aldea’ e ao concerto de Amancio Prada e a Orquestra Filharmónica de Braga, Canto D’Aquí e Coro de Pais

A iniciativa enmárcase nas accións de desenvolvemento da Lei Paz-Andrade e conmemora as figuras de Rosalía de Castro e o cantautor portugués Zeca Afonso

 

Braga (Portugal), 24 de febreiro de 2024

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asiste esta fin de semana en Braga a dúas das actividades programadas no marco da X edición do Festival Cultural Converxencias Portugal-Galicia, celebrado entre o 3 de febreiro e o 9 de marzo entre varias cidades das dúas beiras do Miño coa colaboración da Xunta de Galicia.

Dunha banda, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades asiste hoxe á representación da obra teatral Un médico na aldea, interpretada pola Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada e Tequexetéldere. Esta comedia dramática en lingua galega é un recoñecemento que o Concello da Estrada e a Fundación Cultural deste concello lle renden ao médico e político Manuel Reimóndez Portela, autor do libro en que se basea a peza teatral, co gallo do trixésimo aniversario do seu pasamento.

O domingo, o titular de Política Lingüística asistirá ao concerto do cantautor berciano Amancio Prada, que actuará no Teatro Circo de Braga acompañado da Orquestra Filharmónica de Braga, o grupo portugués Canto D´Aquí e Coro do Pais, do Conservatorio Gulbenkian, tamén de Braga, no que será un tributo a Zeca Afonso e Rosalía de Castro.

O obxectivo deste festival, que programa cada ano unha serie de actividades culturais arredor do 23 de febreiro, data de nacemento de Rosalía de Castro e de pasamento do cantautor portugués Zeca Afonso, é estreitar os lazos lingüísticos e culturais que unen Galicia e Portugal no marco do desenvolvemento da Lei 1/2014, do 24 de marzo, coñecida como Lei Valentín Paz-Andrade.

Homenaxe no Panteón

Tamén arredor da figura de Rosalía de Castro, Valentín García asistiu este sábado no Panteón dos Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela, á homenaxe organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) co gallo do 187 aniversario do nacemento da autora de Follas Novas.

Comparte