Nova: O director xeral de Cultura pon en valor a mistura de poesía, música e patrimonio do ciclo Grantía Plena

26/02/2024

O director xeral de Cultura pon en valor a mistura de poesía, música e patrimonio do ciclo Grantía Plena

Anxo M. Lorenzo participa na presentación deste evento, no que se encadra o concerto-recital da poeta Yolanda Castaño e o guitarrista José Manuel

Ourense, 26 de febreiro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do ciclo Grantía Plena, un festival en feminino, celebrada no Liceo de Ourense. Un evento no que a poeta Yolanda Castaño e o guitarrista José Manuel Dapena encherán a capela do Santo Anxo de música e poesía o 10 de marzo ás 12,00 horas.

Organizado pola Fundación Santa Marina-Temes, coa colaboración económica da Xunta de Galicia, Grantía Plena trata de achegar ao público asistente unha combinación de poesía, música e patrimonio para enxalzar a importancia da cultura galega na sociedade. “A capela ten un valor patrimonial moi marcado, pero é descoñecida para a maioría da cidadanía, polo que o festival busca abrir este espazo para que os que se acheguen poidan descubrir as súas singularidades”, anota Anxo M. Lorenzo.

Así mesmo, esta cita quere dar visibilidade ao traballo das mulleres artistas, por iso se enmarca a súa celebración no 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Yolanda Castaño e José Manuel Dapena darán forma a un recital no que se alternarán poemas do libro Materia, co que ela gañou o Premio Nacional de Poesía 2023, con pezas de música para guitarra. “Yolanda Castaño tamén dará ao público a posibilidade de coñecer de preto a súa obra e a súa traxectoria nun diálogo previo á parte musical”, engadiu o representante de Cultura do Goberno galego.

Comparte