Nova: Román Rodríguez enxalza o valor divulgador da mostra ‘A nosa arte’ por dar a coñecer o patrimonio artístico que custodia o Parlamento de Galicia

29/02/2024

Román Rodríguez enxalza o valor divulgador da mostra ‘A nosa arte’ por dar a coñecer o patrimonio artístico que custodia o Parlamento de Galicia

Esta escolma de pezas “constitúe unha máis que nutrida mostra de 40 anos de intensos movementos artísticos en Galicia”, afirma o representante da Xunta

Pontevedra, 29 de febreiro de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da exposición A nosa arte. Colección do Parlamento de Galicia no emblemático Café Moderno de Afundación de Pontevedra. Esta mostra, itinerante e adaptada a cada cidade, busca difundir entre a cidadanía a colección artística do Parlamento de Galicia.

A exposición enmárcase “na vontade de dotar de maior apertura ao Parlamento de Galicia e de divulgar o seu patrimonio artístico, ademais de constituír unha homenaxe a todos os que colaboraron a forxar o país que hoxe coñecemos”, anotou Román Rodríguez sobre esta escolma que constitúe unha “máis que nutrida mostra de 40 anos de intensos movementos artísticos en Galicia”.

O titular de Cultura do Goberno galego definiu A nosa arte como unha “precisa radiografía do feito de ser galego neses últimos 40 anos” e aproveitou a súa inauguración en Pontevedra para poñer en valor o seu percorrido pola Comunidade.

Os artistas da cidade do Lérez

Dispoñible ata finais de maio, no Café Moderno poderanse coñecer 37 pezas da colección do Parlamento entre as que destacan nomes relevantes como Víctor Casas Julián, Arturo Cifuentes, Xulio García Rivas ou Nicolás González Aller. “Nesta cidade déronse cita algúns dos artistas contemporáneos máis senlleiros e recoñecibles da nosa escena recente, producíndose unha eclosión creativa que merece o seu propio recoñecemento”, puntualizou Román Rodríguez.

Comparte