Nova: A estrea de “Tratamos demasiado bien a las mujeres” forma parte da ampla presenza do cinema galego no Festival de Málaga

04/03/2024

A estrea de “Tratamos demasiado bien a las mujeres” forma parte da ampla presenza do cinema galego no Festival de Málaga

O director de Industrias Culturais asistiu no Teatro Cervantes da cidade andaluza ao pase inaugural do filme de Ficción Producciones, un dos seleccionados na sección oficial do certame

A película, dirixida por Clara Bilbao e con Carmen Machi, Antonio de la Torre e Luis Tosar no elenco, rodouse en Galicia co apoio do Hub audiovisual da Xunta e chegará ás salas de cine o 15 de marzo

A longametraxe As neves, de Cósmica Producións, e o documental Aurora, de Gaitafilmes, estréanse tamén dentro de seccións a competición do certame

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades difunde o audiovisual galego baixo a marca ‘Films from Galicia’ no MAFIZ, a zona de industria que se desenvolve en paralelo ao festival

Málaga, 4 de marzo de 2024

O filme Tratamos demasiado bien a las mujeres, de Ficción Producciones, estreouse esta pasada noite no Festival de Málaga como parte da ampla participación do audiovisual galego na 27º edición do certame, especializado en cine español e iberoamericano, que exhibe estes días unha decena de títulos con produción galega e moitas outras obras con talento galego nos equipos artísticos e técnicos.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu a este pase inaugural e acompañou no evento os produtores e o elenco da película, que contou co apoio do fondo de atracción de rodaxes do Hub audiovisual da Xunta para a súa filmación en Galicia. A proxección recibiu un longo aplauso no Teatro Cervantes da cidade andaluza, que acolle as presentacións das longametraxes seleccionadas para a competición oficial.

Dirixida por Clara Bilbao na súa ópera prima e con guión de Miguel Barros, Carmen Machi e Antonio de la Torre encabezan un reparto coral que inclúe os galegos Luis Tosar, Diego Anido, Cris Iglesias ou Iván Marcos, entre outros. Trátase dunha comedia negra de maquis ambientada nos Pirineos, que chegará ás salas de cinema o 15 de marzo distribuída por Filmax.

Tratamos demasiado bien a las mujeres non é a única película con selo galego das exhibidas en Málaga das que opta á Biznaga de Ouro na sección oficial a concurso. Na mesma categoría está As neves, de Cósmica Producións e con dirección de Sonia Méndez, que terá a súa estrea o mércores día 6. A carteleira do festival tamén inclúe Aurora, de Area Erina con produción de Gaitafilmes, e Salvaxe, salvaxe, de Emilio Fonseca e produción de Walkie Talkie Films, os dous títulos seleccionados na categoría de longas documentais. Todos eles contaron con subvención da Xunta para a súa realización.

Sete curtas galegas

A representación artística galega no Festival de Málaga esténdese a outros apartados do certame con sete curtas: Platónica, platónico, de Redordelos con dirección de Xacio Baño, beneficiaria dunha axuda ao talento audiovisual galego, que compite na sección oficial de curtas documentais. En curtametraxes de ficción, foi seleccionada O frío, de Pablo do Pazo, mentres que entre as de animación figurana recente gañadora dun premio Goya To Bird or Not To Bird, de Martín Romero, e Cafunè, de Lorena Ares e Carlos F. de Vigo, que xa na pasada edición do festival obtiveron a Biznaga de Prata por Amanece la noche más larga.

A relación dos 10 títulos galegos presentes en Málaga complétase con Antes de que se poña o sol, curtametraxe de Nani Matos que se estrea dentro do apartado Afirmando los derechos de las mujeres, e Amas da terra, de Xisela Franco, na sección Cinema cocina.

Films from Galicia no MAFIZ

Ademais, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades volverá contar cun espazo propio no MAFIZ, o mercado profesional que se desenvolve en paralelo ao festival e que hoxe abre as súas portas como zona de negocio dedicada á industria do sector.  No marco do MAFIZ estanse a coordinar diferentes accións de difusión do noso audiovisual, como reunións profesionais ou proxeccións dirixidas especialmente a  axentes internacionais de venda.

Nesta mesma dinámica, a Xunta tamén celebrará un acto específico de promoción baixo a marca Films from Galicia, que terá lugar o día 6 e para o que xa está confirmada a asistencia de máis de 80 persoas representantes de distribuidoras, produtoras e prensa especializada.

 

Comparte