Nova: A feira ‘Galicia Escena PRO’ abre a inscrición de espectáculos para unha edición que reforza o intercambio con outras comunidades

09/03/2024

A feira ‘Galicia Escena PRO’ abre a inscrición de espectáculos para unha edición que reforza o intercambio con outras comunidades

O mercado de artes escénicas, organizado pola Xunta e a asociación Escena Galega, suma unha nova colaboración con Dansa València

As compañías profesionais galegas teñen ata o 14 de marzo para inscribir as súas propostas na programación, que se desenvolverá do 27 ao 30 de maio en Santiago

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2024

Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas promovido pola Xunta de Galicia, estrea unha nova colaboración coa mostra Dansa València, que se vén sumar á xa mantida con MADferia de Madrid no marco da súa liña de intercambio con outras comunidades autónomas.

A través do acordo asinado coa Comunitat Valenciana, o devandito encontro incluirá as artistas galegas Paula Quintas e Marcia Vázquez na programación que se desenvolverá do 13 ao 21 de abril na capital valenciana, onde se presentará así mesmo a nova edición de Danza Galicia. Catálogo dixital de danza e artes do movemento, publicación elaborada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para a difusión da produción coreográfica galega. Ao tempo, Galicia Escena PRO recibirá unha compañía valenciana, que realizará tamén unha xira por outros escenarios galegos.

Manterase igualmente o intercambio de formacións artísticas entre o mercado galego e MADferia Feria de Artes Escénicas de Madrid, na mesma liña común de promover a diversidade cultural,  fortalecer os lazos entre comunidades autónomas e propiciar a circulación da creación fóra de cada un destes territorios.

Para compañías profesionais

Galicia Escena PRO, que celebrará a súa 11ª edición do 27 ao 30 de maio en diferentes espazos de Santiago de Compostela, mantén aberto ata o vindeiro 14 de marzo o prazo de inscrición de propostas de espectáculos e de presentacións en formato pitching por parte das compañías profesionais galegas cara á selección da programación deste ano. Este proceso realízase a través da área profesional da web galiciaescenapro.gal.

Como en anteriores edicións, vólvese contar coa asociación Escena Galega como coorganizadora do evento, ademais de para o nomeamento da comisión encargada da selección artística, coa finalidade de configurar unha programación variada, equilibrada e de calidade, na que estean recollidas todas as artes escénicas.

Para a súa exhibición en formato completo, seleccionaranse tanto espectáculos estreados nos meses anteriores como listos para estrear, mentres que as sesións de pitching porán a disposición de cada compañía seleccionada nesta categoría seis minutos para presentar un adianto dos seus proxectos diante dos profesionais acreditados.

Éxito da edición de 2023

A Xunta promove Galicia Escena PRO como instrumento para facilitar a contratación dos espectáculos de teatro, danza, novo circo e maxia a través de catro días de actividade artística e profesional. Con tal fin, volverá convocar os axentes culturais implicados nos procesos de creación, distribución e exhibición.

Na súa edición de 2023 superou o medio millar de xuntanzas na que participaron máis de 180 profesionais. Entre eles, acudiron a Santiago os responsables de 75 feiras, festivais, circuítos e espazos culturais de Galicia e do resto da península ibérica e dun cento de compañías galegas e empresas de produción e distribución. Como en anos anteriores, a carteleira de espectáculos abriuse tamén ao público xeral, sumando preto de 2700 espectadores.

Comparte