Nova: A Xunta pon en marcha unha nova liña de subvencións ao sector audiovisual con 200.000 euros para organizar laboratorios e residencias

11/03/2024

A Xunta pon en marcha unha nova liña de subvencións ao sector audiovisual con 200.000 euros para organizar laboratorios e residencias

Incorpórase de xeito extraordinario ao programa de subvencións da Consellería de Cultura, Educación FP e Universidades para 2024, a través do que se investirán arredor de 6,2 millóns de euros nas diferentes fases do proceso audiovisual

Apoiarase a organización, por parte de entidades privadas, de encontros de formación e asesoramento que contribúan á creación e desenvolvemento de novos proxectos de cinema e televisión coa solidez necesaria cara á súa futura produción

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2024 

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as bases e a convocatoria dunha nova liña de subvencións dirixida ao audiovisual galego, que en 2024 se incorpora de xeito extraordinario ao programa anual de axudas ao sector da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. A través dela, destínanse 200.000 euros á organización, por parte de entidades privadas, de laboratorios, incubadoras ou residencias para a formación e o asesoramento tanto na creación como no desenvolvemento de novos proxectos para cinema e televisión.

Neste sentido, entronca nos seus obxectivos coa tamén nova convocatoria para a escrita de guións e coas dirixidas á promoción do talento audiovisual galego e ao desenvolvemento de proxectos, todas elas centradas na fase previa á rodaxe dos filmes ou series. No caso do apoio a laboratorios e residencias, búscase contribuír á xestación e mellora de novas propostas para garantir a calidade e a solidez necesarias no seu camiño á fase de produción e, xa que logo, a súa viabilidade artística, técnica e financeira.

O devandito programa de subvencións ao sector, que en 2024 sumará unha dotación de arredor de 6,2 millóns de euros, tamén estende o seu apoio á atracción de rodaxes e á produción e coprodución audiovisual, así como á organización de festivais, á exhibición nas salas de cinema galegas e á comercialización e difusión de obras fóra de Galicia.

Axudas de ata 50.000 euros

As bases destas novas axudas a laboratorios, incubadoras e residencias, que poderán solicitarse ata o vindeiro 11 de abril, establecen unha porcentaxe de apoio de ata o 80% do orzamento subvencionable, cun límite de 50.000 euros por encontro, para financiar diferentes gastos relativos á organización deste tipo de encontros desde hoxe e ata o 15 de agosto de 2025. Entre outros requisitos, deben contar cunha edición xa celebrada na que participaran, cando menos, dous proxectos de creación e/ou produción galega.

Para a súa concesión, en réxime de concorrencia competitiva, establécese un baremo de valoración que, entre outros apartados, primará tanto o número de propostas galegas incluídas na edición inmediatamente anterior como a porcentaxe que se lles reserva naquela para a que se solicita a subvención. Tamén se terá en conta a porcentaxe reservada especificamente a proxectos de autoría feminina.

Comparte