Nova: O filme ‘San Simón’ ródase na provincia de Pontevedra co apoio da Xunta a través das axudas á produción audiovisual

13/03/2024

O filme ‘San Simón’ ródase na provincia de Pontevedra co apoio da Xunta a través das axudas á produción audiovisual

A película conta cunha subvención de máis de 255.000 euros da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades

Producida por Miramemira e con dirección e guión de Miguel A. Delgado, aborda o período carcerario neste enclave da ría de Vigo durante a época franquista

Redondela (Pontevedra), 13 de marzo de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitaron o equipo do filme San Simón, que afronta esta semana as últimas xornadas de traballo na illa da enseada da ría de Vigo. As vindeiras localizacións ata rematar a fase de rodaxe o 5 de abril serán a Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA), en Vigo, e o Convento de Santa Clara, en Pontevedra.

 

O director e guionista do filme, Miguel A. Delgado, e Andrea Vázquez, da produtora galega Miramemira, recibiron os representantes da Xunta de Galicia, que cede o uso das instalacións e contribúe á realización desta longametraxe cunha achega de 255.500 euros como un dos 14 títulos subvencionados en 2022 a través da convocatoria de axudas á produción e coprodución audiovisual da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

 

Na súa visita, Anxo M. Lorenzo e Jacobo Sutil tiveron a oportunidade de coñecer polo miúdo o traballo do equipo técnico e artístico, composto por case 300 profesionais, dos que máis do 95% son galegos. No elenco figuran Valentín Estévez (O Corno, Eles transportan a morte, Fatum), Javier Varela (As bestas, O sabor das margaridas, Fariña), Miguel Borines (Los lunes al sol) e Tatán (Matria), que comparten pantalla con actores e actrices sen experiencia, todos de Galicia.

 

Construción da memoria

San Simón é un retrato colectivo inspirado na historia dos homes e mulleres que foron vítimas da represión franquista, período no que a illa foi utilizada como cárcere. A trama está construída a partir dos diarios, cartas e memorias das persoas presas entre os anos 1936 e 1943, nos que a ditadura converteu San Simón nun campo de concentración.

 

A película é unha coprodución hispano-portuguesa das empresas Miramemira, Morelli Producciones e Bando á Parte, que recibiu tamén o apoio da Deputación de Pontevedra, ICAA, TVG, TVE, TV Castilla-La Mancha e Abycine. Conta ademais coa colaboración do colectivo arousán O Faiado da Memoria, da Universidade de Santiago, do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy; e o asesoramento do grupo Histagra, centrado no estudo da historia agraria e política do mundo rural dos séculos XIX e XX.

Comparte