Nova: A cultura galega celebra esta semana as cerimonias dos premios María Casares de Teatro e os Mestre Mateo do audiovisual co apoio da Xunta
19/03/2024
A cultura galega celebra esta semana as cerimonias dos premios María Casares de Teatro e os Mestre Mateo do audiovisual co apoio da Xunta
Un total de 19 espectáculos son finalistas na gala dos María Casares, que terá lugar este xoves no Teatro Rosalía Castro da Coruña
Os Mestre Mateo entréganse o sábado con 101 candidaturas, das que 70 foron realizadas coa contribución das liñas de axuda do Goberno galego
Coruña, 19 de marzo de 2024
A cidade da Coruña acolle esta semana as cerimonias de entrega de galardóns de dúas das principais citas culturais galegas, como son os Premios María Casares de Teatro e os Mestre Mateo do Audiovisual, ambas citas co apoio da Xunta e Galicia para a súa celebración. Así o sinalou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen participou hoxe na presentación da gala dos XXVIII María Casares, que terá lugar este xoves 21 no Teatro Rosalía Castro.
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), organizadora do evento, volve contar coa contribución económica da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para a convocatoria duns recoñecementos, que poñen en valor o traballo dos profesionais do teatro galego ao longo do pasado ano.
Na súa intervención, Jacobo Sutil referiuse aos premios como un estímulo profesional que contribúe a unha maior visibilidade dos nosos espectáculos de artes escénicas e puxo en valor o propio deseño e execución da gala “que constitúe un magnífico acontecemento cultural en si mesmo e un elemento de promoción moi valioso para todo o conxunto das artes escénicas”. Ademais, subliñou a conexión do evento co traballo realizado de xeito continuado pola Xunta para incluír máis artes escénicas nas carteleiras galegas a través de programacións que constitúen o principal mercado de distribución interior dos espectáculos producidos no país, como son a Rede Galega de Teatros e Auditorios ou Cultura no Camiño, entre outras.
A presente edición dos premios María Casares alcanzou a maior inscrición dos seus anos de historia. Un total de 19 espectáculos finalistas competirán por lograr algún dos 16 galardóns. Entre eles, as producións do Centro Dramático Galego Shakespeare en Roma e Un hotel de primeira sobre o río, con cinco candidaturas cada un, así como a coprodución O auto do Castromil, con PT Excéntricas, que opta a outros cinco premios.
Teatro musical para a gala
A cerimonia dos XXVIII Premios de Teatro María Casares homenaxeará o xénero do teatro musical nunha posta en escena na que os elementos marítimos serán unha constante sobre o escenario. Así, a gala que dirixe Sara Fandiño recuperará as lendas do mar, o espírito atlántico e dous arquetipos fundamentais no imaxinario marítimo universal: os piratas e as sereas.
Na interpretación estarán Alba Tojeiro, Germán Prenta, Iván L. Estévez, Iván Márquez, Mario Lagoas, Rocío Salgado e Verónica Peiteado. A dirección musical correrá a cargo de Alexandro González; o espazo escénico, de José Expósito Ortiz, e a iluminación, de Dani Pais. Encargaranse do vestiario e maquillaxe María Vázquez Mosteiro e Erea Pérez, respectivamente.
Festa do audiovisual
Pola súa banda, a Academia Galega do Audiovisual (AGA) celebra a 22ª edición dos premios Mestre Mateo o vindeiro sábado 23 no Coliseum coruñés, que acollerá por vez primeira este evento para convertelo no máis multitudinario na historia dos galardóns, cunha previsión de máis de 2.000 asistentes e aos que este ano concorren 173 producións e 493 profesionais do sector.
A Xunta mantén o seu apoio ao desenvolvemento destes premios, dos que é unha das principais entidades patrocinadoras, como xeito de contribuír ao recoñecemento público e a unha maior proxección social do traballo dos profesionais do sector en Galicia. Das 101 candidaturas finalistas individuais e colectivas, 70 corresponden a traballos impulsados no marco das diferentes liñas de subvencións ao sector audiovisual convocadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais.
O lema dos Mestre Mateo deste ano, Hai alguén aí? Si?, Non? Si?, fai referencia á mítica frase coa que arrancaba o coñecido programa Xabarín Club, da TVG. Nesta mesma liña, a temática da gala vai estar relacionada coa televisión dos anos 90, de xeito que se fará fincapé no positivo percorrido descrito desde entón polo audiovisual galego.