Nova: O festival “Alguén que respira!” arranca a súa sétima edición arredor do Día Mundial da Poesía
19/03/2024
O festival “Alguén que respira!” arranca a súa sétima edición arredor do Día Mundial da Poesía
Desenvolverase en Compostela do 21 ao 23 de marzo e reunirá a figuras culturais como María do Cebreiro, Abe Rábade, Guadi Galego, Su Garrido ou Alfonso Armada, este último responsable da lectura do manifesto
Por segundo ano consecutivo inclúe a entrega dos premios de poesía para o estudantado galego, que recaeron en Aroa Misa, Claudia Romero e Serxio Abalo
As entradas son gratuítas e poderán reservarse na web compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C
Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2024
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación da sétima edición do festival de poesía Alguén que respira!, impulsado polo Concello de Santiago co apoio da Xunta de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
A iniciativa, que se celebra cada ano arredor do Día Mundial da Poesía e está dirixida por Antón Lopo, desenvolverase en Compostela do 21 ao 23 de marzo e reunirá poetas, xornalistas, activistas e artistas para crear un marco de reflexión sobre a realidade e a sociedade actual, centrándose na poesía en territorio de conflito, que será o eixo temático da edición.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades sinalou que por “ser a poesía o territorio por excelencia do sentimento, ás veces pénsase que se centra no íntimo e individual e que non ten ou debe ter unha proxección cara á sociedade e os conflitos que nos rodean, pero realmente a poesía o que expresa é un xeito persoal de mirar, de mirarnos a nós mesmos pero tamén o mundo, cunha ollada que pode ser crítica, doída, furiosa ou esperanzada cando o que contemplamos é o sufrimento doutros seres humanos”. “Polo tanto, o do conflito”, concluíu o secretario xeral, “é tamén o territorio da poesía”.
Tres días de programación
Durante tres días, recitais, concertos e faladoiros ocuparán o Teatro Principal e a Igrexa da Universidade reunindo representantes da cultura galega como María do Cebreiro, Abe Rábade, Guadi Galego, Su Garrido ou Alfonso Armada, este último responsable da lectura do manifesto, así como tamén artistas e activistas doutros países e culturas que converterán Compostela en centro galego da poesía.
Ademais, o festival repite seccións xa consolidadas no seu programa como As mañás do ambigú, que se desenvolverán cada mediodía no Teatro Principal a modo de foros de reflexión e nos que participarán Alfonso Armada e Carmen Villar, Cristina Sánchez e Iván Prado, e Caetano Díaz e Daniel González Palau, os días 21, 22 e 23, respectivamente.
Por segundo ano consecutivo, Alguén que respira! inclúe tamén os premios para o estudantado de Galicia que, baixo o lema A guerra fronte á construción da paz, recibiu máis dun cento de propostas entre as catro categorías convocadas. As persoas gañadoras, que recollerán os premios no recital de clausura do festival, foron Aroa Misa, de primaria; Claudia Romero, de secundaria, e Serxio Abalo, da categoría universitaria. A categoría de bacharelato e ciclos formativos quedou deserta por decisión do xurado.
Todas as persoas interesadas en asistir ao festival poderán recoller as entradas, que serán de balde, na web Compostela Cultura ou no despacho de billetes da Zona C. Tamén poderán retirarse do despacho de billetes do Teatro Principal unha hora antes de comezar cada actuación. O programa completo pode consultarse na páxina oficial de Alguén que respira!.