Nova: A Xunta incrementou máis dun 65% nos últimos catro anos o seu apoio ao teatro afeccionado a través da colaboración con Fegatea
20/03/2024
A Xunta incrementou máis dun 65% nos últimos catro anos o seu apoio ao teatro afeccionado a través da colaboración con Fegatea
“O Circuíto galego de Teatro Amador chega a máis de 6.000 espectadores e mobiliza 800 persoas, co correspondente fluxo económico”, explica Román Rodríguez
Este ano conmemórase o 24 aniversario da federación cunha xornada específica
SantIago de Compostela, 20 de marzo de 2024
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, e a presidenta da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), Chelo Pampillón, asinaron un convenio de colaboración para o circuíto teatral que impulsa a entidade. “Un acordo co que consolidamos un incremento de máis do 65% nos últimos catros anos no apoio da Xunta ao impulso do teatro afeccionado por todo o territorio galego”, destacou o conselleiro en funcións.
Non en balde, o importe do convenio ascende desta vez a 51.500€, fronte aos 30.000€ consignados hai catro anos. “Con esta achega queremos reforzar o soporte a FEGATEA, que organiza anualmente o Circuíto Galego de Teatro Amador, coa previsión de chegar a arredor de 6.000 espectadores”, salientou Román Rodríguez.
O titular en funcións do departamento de Cultura do Goberno galego explicou que o feito de que as compañías non poidan actuar na cidade na que radica o seu domicilio social “promove unha gran mobilidade xeográfica dos grupos e supón o desprazamento dunhas 800 persoas, redundando nun importante fluxo económico vencellado á cultura”.
Ata 80 representacións
O Circuíto Galego de Teatro Amador ten carácter autonómico e ao seu abeiro desenvolveranse arredor de 80 representacións. Así mesmo, o acordo inclúe a celebración do Festival de Teatro Amador Agustín Magán, en diversos espazos de Santiago, para achegar as últimas propostas escénicas de grupos federados das catro provincias galegas.
A maiores, este ano desenvolverase a xornada 24 anos celebrando o Teatro Amador Galego, conmemorativa do 24 aniversario da Federación Galega de Teatro Afeccionado e co obxectivo de dar visibilidade ao traballo que realizan os 57 grupos federados. O programa contempla a realización de 16 actuacións de microteatro, co fin de poñer de relevancia a potencia do teatro amador galego.