Nova: A Xunta achégalles un novo investimento de 880.000 euros ás salas de cine, música, teatros e auditorios

20/03/2024

A Xunta achégalles un novo investimento de 880.000 euros ás salas de cine, música, teatros e auditorios

Hoxe publícanse no DOG as bases das subvencións para a modernización e xestión sostible das salas de cine, dotadas con 380.000 euros, e mañá será a quenda das dirixidas aos espazos de programación escénica e musical, con 500.000 euros

Dáselles continuidade ás vías de apoio para este tipo de establecementos culturais, de xeito que o orzamento destinado á súa mellora supera os 5M€ desde 2021

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases das subvencións anuais da Xunta a salas de cine, para as que reserva unha dotación de 380.000 euros. A elas engadirase mañá a convocatoria destinada infraestruturas de artes escénicas e musicais, con 500.000 euros, de xeito que ambas liñas suman un novo investimento de 880.000 euros na modernización e xestión sostible deste tipo de espazos culturais.

Trátase da cuarta convocatoria anual consecutiva no caso dos cinemas e da terceira para os espazos de exhibición escénica e musical, co que orzamento para a súa mellora consignado desde 2021 pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades supera xa os 5M€.

No caso concreto das axudas a salas de cine, apoiaranse proxectos desenvolvidos ata o vindeiro 31 de outubro para contribuír á súa innovación e dixitalización, así como para facilitar a súa adaptación a un mercado influído polos novos hábitos no consumo audiovisual asociados ao crecemento das plataformas dixitais, especialmente a partir da pandemia.

A través desta vía, da que o ano pasado resultaron beneficiarios 12 espazos doutras tantas localidades, a Xunta incidirá en tres eixes de acción: dixitalización e aplicación das novas tecnoloxías, adopción de medidas de desenvolvemento sostible e impacto ambiental positivo, e iniciativas destinadas á fidelización e captación de público e á configuración dunha programación diversa e inclusiva.

Incentivo á programación en galego

Neste último apartado, apoiarase especificamente a circulación da cinematografía europea e iberoamericana, con especial atención ás obras de produción galega e en versión orixinal galega. Entre as actuacións subvencionables, atópanse tamén campañas de captación de públicos e accións especiais dirixidas a centros educativos, de integración social e/ou cultural ou para profesionais do audiovisual, entre outras.

Faise fincapé, así mesmo, na inclusión e no reto demográfico á hora de chegar a novas audiencias e a colectivos específicos, así como na diversidade da oferta cinematográfica tamén en canto a xéneros e formatos ou á programación de obras de dirección feminina ou de dirección novel, entre outros aspectos.

Cada axuda poderá chegar ata o 80% do gasto subvencionable e a contía da subvención corresponderase co número de pantallas da sala, oscilando entre un máximo de 21.600€ no caso dunha pantalla e 55.200€ para 15.

Sistemas dixitais e rehabilitación

Pola súa banda, as subvencións para teatros, auditorios e salas de espectáculos escénicos e concertos diríxese principalmente á renovación dos sistemas dixitais de iluminación, vídeo, audio e comunicación en rede, maquinaria escénica, xestión artística e produción, así como ao acondicionamento e rehabilitación dos edificios para favorecer a súa adaptación ao cambio climático.

Avánzase así nos obxectivos de dixitalización, xestión sostible e respecto medioambiental desta vía de apoio, que redundan tanto na mellora das condicións de traballo do persoal técnico e artístico como nunha maior calidade na exhibición dos espectáculos diante do público.

Poden optar a estas axudas, a través das que nos dous anos anteriores se investiron 2,4 millóns de euros en 82 espazos, tanto concellos como entidades privadas para acometer os seus proxectos de mellora ata o 1 de xullo de 2025. A contía da axuda poderá acadar o 80% do orzamento no caso das empresas, cun límite de 15.000 euros, e do 70% para a Administración local, con 40.000 euros como máximo, que se elevan a 50.000 euros para as agrupacións de entidades.

Solicitudes ata o 22 de abril

Ambas as convocatorias, que poderán solicitarse ata o vindeiro 22 de abril, desenvólvense en réxime de concorrencia competitiva con financiamento a cargo dos fondos Next Generation EU e Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

Entroncan nos seus obxectivos co eixo do Plan Xeración Cultura destinado á innovación, dixitalización e modernización, que terá o seu impulso normativo coas futuras leis de cultura inclusiva e accesible e de cultura dixital.

Comparte