Nova: O Festival Internacional Pórtico do Paraíso ofrece co apoio da Xunta cinco concertos en espazos patrimoniais de Ourense, Castro Caldelas e Cea
02/04/2024
O Festival Internacional Pórtico do Paraíso ofrece co apoio da Xunta cinco concertos en espazos patrimoniais de Ourense, Castro Caldelas e Cea
O evento, dedicado á difusión da música culta desde escenarios arquitectónicos singulares, desenvolverase entre o 3 e o 12 de maio
Ademais dos concertos, están programados dous encontros con estudantes no Conservatorio Profesional de Música ourensán
Ourense, 2 de abril de 2024
A organización do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso presentou hoxe o cartel da súa 17ª edición, que se celebrará do 3 ao 12 de maio en diferentes espazos singulares dos concellos de Ourense, Castro Caldelas e Cea. A Xunta de Galicia mantén a súa colaboración económica con esta iniciativa, dedicada á difusión da música culta desde escenarios arquitectónicos patrimoniais, que este ano ofrecerá cinco concertos a cargo de formacións de Serbia, Francia e España, ademais do dúo integrado polo arpista galego Manuel Vilas e a mezzo-soprano polaca Paulina Ceremuzynska.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou nesta presentación xunto a César Fernández Gil, deputado de Cultura da Deputación Provincial de Ourense, e Juan Enrique Miguéns, presidente da Asociación Pórtico Musical e director artístico do encontro.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades felicitou a organización polo cartel deste ano e pola súa aposta continua por achegarlle a música clásica a todo tipo de públicos. Asegurou tamén que Pórtico do Paraíso ten xa consolidado un importante papel como plataforma de difusión da música culta a través de propostas tanto de intérpretes galegos como do resto de España e do panorama internacional.
No castelo de Castro Caldelas e no mosteiro de Oseira
Jacobo Sutil destacou tamén a traxectoria de descentralización seguida polo festival e a súa apertura a unha contorna natural e patrimonial para un evento que xa conta co aval do público e con recoñecementos tan destacados como o selo de calidade EFFE Label, que concede a Asociación de Festivais Europeos.
Así por exemplo, no cartel deste ano, o castelo de Castro Caldelas acollerá o 5 de maio o dúo galego-polaco no que se xuntan os talentos do arpista compostelán Manuel Vilas e a voz da mezzo-soprano especializada en música antiga pola Universidade de Varsovia, Paulina Ceremuzynska.
Outro espazo arquitectónico singular, o do Mosteiro de Santa María de Oseira, en Cea, será o escenario para o recital de peche o 12 de maio a cargo do grupo de voces, violín e percusións Diabolus in Musica, procedente de Francia.
Na cidade de Ourense terá lugar o concerto inaugural que correrá a cargo do cuarteto vocal Cantoría o 3 de maio no Liceo, mentres que o Teatro Principal acollerá a actuación do trío español de clarinete, viola e piano, Música y Memes, o día 7, e o acordeonista serbio Miloš Milivojević tocará na Igrexa de Santo Anxo o día 10.
Encontros con estudantes no Conservatorio
Nesta edición, en paralelo ao programa de concertos, o Conservatorio Profesional de Música de Ourense acollerá dúas sesións nas que o alumnado terá a oportunidade de coñecer de cerca o traballo do grupo vocal español Cantoría, que visitará o centro o 2 de maio, e do acordeonista serbio Miloš Milivojević, que compartirá unha sesión con estudantes o día 9.
As entradas para a 17ª edición do Festival Internacional Pórtico do Paraíso están xa á venda tanto en liña, a través da súa web, como fisicamente no Liceo de Ourense e no establecemento Musical González.