Nova: Comeza o Carballo Interplay con 20 webseries de 11 países a concurso e máis apoio aos contidos dixitais en galego
04/04/2024
Comeza o Carballo Interplay con 20 webseries de 11 países a concurso e máis apoio aos contidos dixitais en galego
Haberá un novo premio dirixido a proxectos que se difundan en Instagram, TikTok ou Youtube, de creación propia e en lingua galega
O encontro celébrase ata o 7 de abril coa exhibición de traballos chegados de 11 países e catro continentes na súa sección oficial, e unha Zona Pro que voltará congregar referentes da cultural dixital popular de dentro e fóra de Galicia
O certame vén contando nos últimos anos coa subvención da Xunta de Galicia
Carballo (A Coruña), 4 de abril de 2024
O festival de contidos dixitais Carballo Interplay abriu hoxe a súa undécima edición, que se desenvolverá ata o vindeiro día 7 convertendo a localidade coruñesa en centro de difusión da creación dixital, con 20 webseries procedentes de 11 países na sección oficial a concurso e o Premio ao Mellor Contido Dixital en Galego como principal novidade.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, participou na apertura do encontro, que tivo lugar no Mercado Municipal e que incluíu a entrega de diplomas do concurso Dinoescolas e a proxección da peza gañadora como primeira actividade dun evento que presenta tamén un amplo programa profesional para poñer o foco nas últimas tendencias da creación dixital.
Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades felicitou á dirección do festival, que integran Sonia Méndez e Andrea Villa, por reforzar a súa aposta polo contido en galego, ao tempo que subliñou a singularidade do certame dentro dos festivais do sector audiovisual que se celebran na nosa Comunidade. Tamén se referiu ao seu labor pioneiro “poñendo o foco na creación e dirección dixital, innovando e situándose ano tras ano á vangarda cunha programación non só arredor das canles de distribución dixital, senón tamén como código básico para a creación, ofrecendo e actualizando permanentemente as claves deste ámbito creativo e facilitando a conexión cultural cunha nova xeración de creadoras e creadores que abren novos camiños para a expresión artística desde o audiovisual”.
Apoio estratéxico
Como encontro estratéxico para o sector, o Carballo Interplay vén contando nos últimos anos co apoio económico da Xunta a través da convocatoria de axudas a festivais audiovisuais de carácter profesional. Tal e como sinalou Jacobo Sutil, a liña de subvencións do Goberno galego para o impulso deste tipo de certames consolídase e mesmo medra cada ano, cun orzamento que neste 2024 ascende a 300.000 euros, un 33% máis respecto á convocatoria anterior. Isto ratifica o compromiso do Goberno galego con este tipo de certames, considerados fundamentais tanto no ámbito audiovisual como no conxunto das industrias culturais galegas, polo seu labor de dinamización e promoción de moi diferentes produtos e formatos audiovisuais e polo seu papel de altofalantes para a máis recente produción galega e os seus profesionais.
Promoción da creación dixital en galego
Neste sentido, destaca o novo Premio ao Mellor Contido Dixital en Galego, dirixido a proxectos que se difundan en Instagram, TikTok ou Youtube. Haberá dous recoñecementos: un para a Mellor Canle, cunha contía económica de 600 euros no que están nomeados Exército Mekemeke, O Faiado, Ou Ké!, Rebelico Revista e Toxío; e outro para Mellor Creador ou Creadora, dotado cos 600 euros que se disputan Iago Gordillo con Recuncho Gamer, Laura Veiga con Pingando, Prado Rúa, Rodri Míguez e Sara Seco.
Ademais, o Carballo Interplay continúa promovendo a creación en liña en lingua galega e para o mundo cun apartado específico para as series en versión orixinal galega dentro da súa sección oficial, así como cun premio ao proxecto de serie en lingua galega, que ofrece 3.000 euros para a creación de tres primeiros capítulos. Con esta axuda producíronse xa series como Xan, Amnesia 3.0, Cacola ou Pringadas. Os proxectos finalistas nesta ocasión son O Carozo, Ecos dun verán e Delirio Sketchs e Canta o xogo. A peza gañadora da pasada edición, A moza que abortou e ou contou, de Eire Cid e Rosalía Quiroga, será proxectada este ano.
Referentes e espazos profesionais
Na súa undécima edición, o Carballo Interplay volverá traer referentes da cultura popular dixital de dentro e fóra de Galicia, seguindo a tradición de evento punteiro polo que no seu día pasaron programas como Estirando o chicle ou iconas da cultura dixital como O Hematocrítico. Na grella teñen tamén un lugar destacado diferentes proxectos que empregan a rede para o activismo, a divulgación e o feminismo, sen esquecer os xa habituais espazos dedicados ás webseries.
A este último formato corresponden os 20 títulos procedentes de Canadá, Arxentina, China, Francia, República Checa, Colombia, Corea, Dinamarca, Australia ou Kazajstan, ademais de dúas producións galegas, que competirán na sección oficial: as producións galegas Pulp Air, de Anita Pico, e Rent-a pal, de Irene Pin.